O Xulgado de Verín investigará os verquidos provocados polas obras do AVE no río Támega
O Xulgado de primeira instancia e instrución número 2 de Verín acordou recentemente, a raíz dunha denuncia presentada pola CIG, abrir dilixencias previas de investigación penal pola posíbel existencia dun delito contra o medio ambiente derivado das continuas verteduras contaminantes ao río Támega provocados durante anos polas obras do AVE.
Segundo o auto xudicial, os feitos que resultan de anteriores actuacións presentan características que fan presumir a existencia dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, polo que, atendendo a solicitude da central, diríxese a organismos e empresas para compilar información sobre o asunto e unificar todo o proceso no Xulgado verinés.
Entre as dilixencias que ordena iniciar inclúese a reclamación á Consellaría de Medio Ambiente, á Confederación Hidrográfico do Douro e a Seprona dos expedientes abertos por verteduras contaminantes neste río provocadas polas obras do AVE durante os anos 2016, 2017 e 2018;
Tamén se lle solicita á Fiscalía Provincial de Ourense que remita copia das denuncias formuladas e instrucións realizadas como consecuencia destes verquidos, e a Adif que envíe o listado de empresas adxudicatarias das obras nos tramos que transcorren polo concello de Laza.