O Xulgado de Ourense anula a xornada de traballo imposta pola empresa Veicar aos bombeiros/as de Verín
O Xulgado do Social número 3 de Ourense vén de publicar, no marco do proceso de conflito colectivo promovido pola CIG de Verín e A Limia, unha sentenza que anula a modificación da xornada de traballo imposta aos bombeiros/as do parque de Verín pola empresa Veicar, adxudicataria dos parques de bombeiros/as ourensáns.
Na citada resolución o órgano xudicial estima a demanda interposta polo sindicato, dando por válida a tese relativa a que a xornada de traballo imposta aos bombeiros/as verineses/as en xaneiro do 2018 infrinxe o disposto no artigo 7 do convenio colectivo do parque de Verín. Polo tanto a sentenza considera nula a modificación “ao aplicala sen negociación cos traballadores/as e sen acudir aos procedementos de solución de conflitos estabelecidos na lexislación laboral”.
En consecuencia, a xornada anulada, que fixaba tres tipos de quendas rotatorias para cada bombeiro/a durante o ano 2018 (24 horas de traballo/3 días libres, 24 horas de traballo/4 días libres e 24 horas de traballo/5 días libres) tornará a ser a disposta no convenio colectivo do parque de bombeiros/as de Verín: <<De 9:00 horas dun día a 9:00 horas do día seguinte en gardas de 24 horas segundo cuadrante, en quenda dun día de servizo por catro días libres>>.
Dende a Unión Local da CIG de Verín e A Limia adiantan que xa solicitaron unha xuntanza coa dirección da empresa Veicar de cara a dar cumprimento á resolución xudicial, “así como a analizar as compensacións e indemnizacións a determinar a favor daqueles/as bombeiros/as que viran alteradas as súas xornadas durante os meses de xaneiro a abril 2018 como consecuencia da imposición da xornada de traballo anulada”.