O xulgado condena a Tralusa a readmitir o traballador despedido por querer presentarse ás eleccións sindicais pola CIG
O Xulgado do Social número 3 de Compostela vén de emitir auto polo que condena a Tralusa, do Grupo Monbús, a reincorporar no seu posto o traballador despedido por querer presentarse ás elección sindicais pola CIG. O traballador fora despedido en febreiro de 2020 pola empresa Freire (que naquel momento tiña o contrato da liña de autobús Santiago- aeroporto) despois de coñecer que ía de candidato pola CIG ás eleccións sindicais.
Tras varios atrasos no xuízo por mor da pandemia, cando saíu a sentenza contra Freire xa se tiña producido o cambio de contrato, adxudicado agora a Tralusa, polo que lle correspondería a esta nova empresa incorporar o traballador. Pero o Grupo Monbús, que se negou a subrogar a todos os condutores que viñan prestando este servizo, tampouco quixo readmitir o traballador despedido.
Nese momento, explica Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Compostela, houbo que denunciar a Tralusa e agora sae este auto, que xa é firme e contra do que non cabe recurso, que obriga a empresa a repoñelo no seu posto de traballo, manténdolle a antigüidade e as mesmas condicións que tiña antes de ser despedido.
Continúa o conflito pola non subrogación dos condutores da liña ao aeroporto
Precisamente, na mañá deste xoves, os traballadores da liña de bus ao aeroporto que non foron subrogados por Tralusa volvéronse concentrar no Pazo de Raxoi, coincidindo coa formulación dunha pregunta no pleno municipal, na que se inquiriu ao Goberno de Bugallo polas xestións feitas para resolver este conflito e que se cumpra coa subrogación á que teñen dereito os condutores.
Cómpre lembrar que cando se produciu a subrogación do transporte metropolitano en decembro de 2020, o Concello de Compostela non tiña sacado o concurso do transporte urbano, que tiña que incluír a liña de autobús dende a cidade ao aeroporto Rosalía de Castro e que está en precario dende o ano 2015.
Para tentar atallar esta eiva, a Xunta de Goberno acordou entregarlle este servizo á concesionaria do transporte urbano, Tralusa, pero no documento, e así figura por escrito, estableceu que a empresa tiña que prestar a liña cos seus propios medios materiais e humanos. A compañía de Raúl López aproveitou este subterfuxio do texto, para negarse a aplicar a subrogación recoñecida no convenio colectivo e deixar na rúa a estes condutores, algún dos cales levaban máis de 25 anos prestando este servizo.
Os despedimentos foron denunciados nos xulgados e nas sete sentenzas que xa se publicaron, en todas se confirma que os traballadores tiñan que ser subrogados en cumprimento do acordo asinado pola patronal do transporte de viaxeiros/as, as centrais sindicais e a Dirección Xeral de Mobilidade, incluso nas situacións de ausencia de contrato.
Así as cousas, os traballadores levan máis dun ano sen emprego por culpa da neglixencia do Goberno municipal, que se comprometeu a realizar as xestións oportunas para efectivizar a subrogación, “aínda que finalmente se pregou ao mandato de Raúl López e o persoal non foi incorporado en Tralusa”, denuncia Pavón.
A este respecto, Pavón critica o trato de favor que recibe o Grupo Monbus por parte do Concello de Santiago, tanto para permitirlle o uso de terreos municipais como á hora de asignarlle concesións.
Os traballadores afectados esixen do Concello que desfaga este despropósito laboral do que son vítimas, mais sobre o que non teñen ningunha responsabilidade; piden a reincorporación inmediata do compañeiro despedido como represalia sindical; e advirten que seguirán mobilizándose, se é preciso durante todo o tempo que dure a lexislatura, até conseguir que se respecten os seus dereitos e sexa readmitida a totalidade dos traballadores.