O xulgado condena a Alu Ibérica por vulneración do dereito fundamental á folga
A CIG acolle con satisfacción a sentenza do Xulgado do Social nº 1 da Coruña que condena a Alu Ibérica por vulneración da liberdade sindical por impedirlle a entrada á fábrica ao comité de folga durante o paro indefinido que os traballadores/as iniciaron o pasado 26 de decembro. A resolución condena ademais a empresa ao cese inmediato do seu comportamento e, dada a gravidade da súa conduta, a abonar unha indemnización por danos morais a cada un dos sindicatos demandantes (CIG, CCOO e UGT) e a cada un dos membros do comité de folga, que en conxunto ascende a 75.000 euros.
Para a CIG este é un paso máis na batalla contra a persecución e a represión sindical exercida pola dirección de Alu Ibérica, a través da que pretende acalar a loita dos traballadores e das traballadoras da fábrica da Coruña na demanda dunha solución industrial de futuro que garanta a continuidade da produción e o mantemento de todos os empregos.
A empresa teimou na súa conduta malia os requirimentos da Inspección
A sentenza recoñece a falta de xustificación de Alu Ibérica para prohibir o acceso do comité de folga ás instalacións e subliña o prexuízo causado ao conxunto do persoal xa que, malia os requirimentos da Inspección de Traballo, "a actitude da empresa prolongada no tempo, como ocorreu, frustrou a medida do conflito colectivo pretendida polos traballadores, e que constitúe a principal medida de autotutela coa que contan para a defensa dos seus dereitos cando existe un conflito colectivo".
E neste sentido, asevérase que "resulta intolerábel, dende o punto de vista xurídico, todas aquelas condutas que van dirixidas a coartar, con maior ou menor intensidade, esta capacidade de presión que é inherente" á folga. Concluíndo que a gravidade da actuación patronal "non admite fisura algunha".
Tamén fai fincapé a resolución no feito de que a empresa mantivo con teimosía a súa decisión a pesar de que a propia Inspección de Traballo, logo da visita á fábrica o día 5 de xaneiro, informou á dirección da obriga de permitir a entrada dos membros do comité de folga para exerceren as súas funcións, advertíndolle das consecuencias de persistir na súa actitude.
Chamada de atención ás administracións
Para a central nacionalista esta sentenza ten que ser tamén unha chamada de atención para que os gobernos español e galego, como avalistas do proceso de venta da fábrica (primeiro de Alcoa a Parter e despois de Parter ao Grupo Riesgo), asuman dunha vez a súa responsabilidade na busca dunha solución industrial que pasa, inevitabelmente, por unha intervención pública.
Porque nin se pode consentir a impunidade coa que o actual propietario actúa, vulnerando dereitos fundamentais e despedindo a membros do comité para amedrentar o persoal, nin se pode consentir que, por inacción dos gobernos, Alcoa leve a cabo o seu plan inicial, que non é outro que a parada definitiva das series de electrólise e o peche da fábrica.
Nova relacionada: CIG, CCOO e UGT convocan unha gran manifestación para esixir unha solución industrial para Alu Ibérica