O xulgado atende parcialmente o recurso do comité de Vitrasa contra os servizos mínimos do Concello
O xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo vén de atender parcialmente o recurso presentado polo comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, contra os servizo mínimos impostos polo Goberno local. En concreto, a respecto das expedicións xa iniciadas ao comezo dos paros, adoptando unha medida cautelar que obriga os autobuses a ter que recoller viaxeiros/as só durante media hora e non até a finalización do seu percorrido, tal e como recolle o decreto publicado polo Concello.
A medida cautelar farase efectiva a partir do vindeiro luns día 9, cando o persoal de Vitrasa retome o horario de paros que viña desenvolvendo antes do Nadal: todos os luns, mércores e venres de 7:30 a 9:00, de 14:00 a 15:30 e de 00:00 a 1:30 horas. Polo tanto, os autobuses que se atopen en ruta ao inicio dos paros só estarán obrigados a recoller pasaxeiros/as durante a primeira media hora (de 7:30 a 8:00, de 14:00 a 14:30 e de 00:00 a 00:30 horas). Despois seguirán o seu traxecto até final de liña, pero unicamente para deixar nas súas paradas ás persoas que xa se atopen no interior dos vehículos.
Os paros foron convocados polo comité de empresa para forzar a dirección de Vitrasa a retomar as negociacións do convenio colectivo, caducado dende 2020. Ao mesmo tempo, tanto a representación dos traballadores/as como o cadro de persoal están a desenvolver un intenso calendario de mobilizacións para reclamar a intervención do Goberno local no conflito.
A última delas tivo lugar o pasado 28 de decembro, cunha concentración diante do Concello coincidindo co debate no pleno dunha moción sobre o estado do servizo municipal de transporte urbano. Na sesión estivo presente un grupo de empregados/as de Vitrasa, que interviñeron para replicar as declaracións do concelleiro de Transportes, "que estaba dicindo unhas auténticas barbaridades" e ao que acusan de desentenderse dos problemas do servizo e dos abusos da empresa.
O presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG, lembra que despois do xulgado botar abaixo a intención patronal de inaplicar o actual convenio en materia salarial, a dirección segue negándose a negociar un novo convenio colectivo até que o cadro de persoal acepte unha baixada dos seus salarios.
“A empresa leva 50 anos operando en Vigo e agora pretende manter as súas contas a costa de recortarnos os nosos soldos. Cando tivo beneficios nunca os repartiu entre o persoal, e agora que di ter perdas quere rebaixarnos os salarios”, denuncia. Neste senso, o presidente do comité lembra que Vitrasa (do grupo Avanza) xa interpuxo demanda nos xulgados para reclamarlle ao Concello unha compensación por 14 millóns de euros, que está pendente de resolverse.
“Dende o primeiro momento entendemos o difícil contexto e por iso lle propuxemos a empresa darlle solución aos puntos do convenio que regulan a calidade do noso traballo, deixando a cuestión salarial para cando a situación económica fose máis favorábel”, pero a única resposta foi condicionar o inicio da negociación do convenio a gañar a reclamación económica ao Concello, sen ofrecer ningunha garantía.
A postura da empresa resulta tan intransixente que nin sequera quere asumir unha redución do período para o goce das vacacións, ou revisar a distribución dos días de descanso semanais, “porque di que todo isto lle ten un custe”.
O Concello desenténdese
Diante deste inmobilismo da empresa, o comité venlle demandando ao Concello de Vigo, como titular da concesión, que medie neste conflito, “pero o Goberno local ponse de lado e limítase a dicir que se trata dun problema entre unha empresa privada e os seus traballadores/as”.
Arnoso acusa o Concello de desentenderse dun conflito que lle afecta directamente non só ao persoal de Vitrasa e ás súas condicións de traballo, senón ao conxunto da cidadanía de Vigo. “Esta non é unha empresa calquera, é a empresa que o Concello decidiu que faga o transporte público da cidade”, insiste.
Neste senso, denuncia que o servizo se presta cun cadro de persoal insuficiente e que nos últimos dous anos Avanza recortou liñas buscando unicamente unha maior rendibilidade económica, deixando a boa parte da poboación cun servizo de transporte pésimo.