O Xulgado anula os calendarios laborais que Ferrovial Servizos lle impuxo ao seu persoal
Ferrovial Servizos (empresa que se encarga da xestión das instalacións deportivas municipais da Coruña) acaba de ser condenada a anular a modificación das condicións laborais que lle impuxo de xeito unilateral aos seus traballadores e traballadoras o pasado mes de febreiro. Esta modificación supuxo un cambio nas súas quendas e horarios, que empeoraban substancialmente as que existían até ese momento e dificultaban a conciliación da vida laboral e familiar.
Neste proceso, denuncia a CIG-Servizos da Coruña, Ferrovial converteu o período de negociación que obriga a lei "nunha burla aos traballadores e traballadoras desprezando as propostas presentadas polo comité e escamoteando información imprescindíbel". De feito, tal e como se subliña na sentenza xudicial, a empresa non tivo vontade negociadora, incumpriu os prazos legalmente estabelecidos, non achegou a información correspondente á representación social e nin sequera comunicou a causa obxectiva para aplicar os cambios de horarios e xornadas.
Neste senso, dende o Comité sempre entenderon que a decisión da empresa non respondía a causas obxectivas, senón que era unha represalia polas denuncias presentadas na Inspección de Traballo sobre a cobertura das baixas médicas, vacacións e libranzas con persoas da bolsa de traballo e polo exceso de xornada. Denuncias que levaron a que a autoridade laboral levantara de acta de infracción contra a empresa.
Prexuízos tamén para os/as usuarios/as
Pero ademais dos prexuízos causados aos traballadores/as, "os novos calendarios impostos produciron un empeoramento no servizo á cidadanía, con continuos cambios e traslados de persoal por todas as instalacións deportivas da Coruña". Ante esta situación, o Comité puxo en coñecemento do Concello estas e outras moitas irregularidades que comete a concesionaria para que aplicase as medidas oportunas e obrigara a Ferrovial a respectar os dereitos dos traballadores, "mais sen lograr ningún resultado".
Diante desta situación, a CIG presentou conflito colectivo no Xulgado do Social, que acaba de ditar sentenza que declara nula a decisión da empresa de modificar os calendarios debido a que “non negociou de acordo aos principios de boa fe”. Tamén obriga a Ferrovial a repoñer os traballadores e traballadoras nas condicións anteriores.
Desde a CIG-Servizos lamentan "a continua vulneración dos dereitos dos traballadores de Ferrovial e doutras concesionarias de servizos públicos e a pasividade dos responsábeis municipais ante estas situacións".