O xulgado anula o decreto do Concello de Chantada que fixaba uns servizos mínimos do 94% para a folga do SAF
O xulgado do contencioso-administrativo nº 2 de Lugo vén de anular o decreto da Alcaldía que estableceu uns servizos mínimos do 94.13% para a folga do Servizo de Axuda no Fogar por ser desproporcionado e por impedir, na práctica, que as traballadoras puideran exercer este dereito fundamental. A sentenza dá á razón ao que durante meses estiveron denunciando as traballadoras e a CIG e condena o Concello a pagar as costas procesais, que cuantifica en 800€.
Cómpre lembrar que as traballadoras do SAF de Chantada iniciaron unha folga indefinida o 28 de outubro de 2019 contra a decisión do Goberno local de privatizar o servizo. Porén, o Concello, alegando que se trata dun servizo esencial impuxo un servizos mínimos próximos ao 100% que impediron o normal desenvolvemento da folga. De feito, na sentenza recoñécese que o criterio utilizado pola Administración para cuantificar a porcentaxe de actividade mínima "non é moi convincente" xa que non se tiveron en conta as necesidades das persoas usuarias para avaliar a determinación dos servizos mínimos.
"Non se pode dar por probado que a perturbación do servizo de axuda no fogar a consecuencia da folga puidera frustrar totalmente o dereito ou producir nel resultados irreversíbeis porque hai unha falta de estudo das circunstancias persoais de cada prestatario", afírmase na resolución xudicial, coincidindo co argumento defendido polas traballadoras e a CIG alertando que o decreto vulneraba dereitos fundamentais e demandando a súa modificación.
As traballadoras sostiveron a folga durante meses
Hai que subliña que a pesar das dificultades, a firmeza das traballadoras contra a privatización do SAF e para esixir unha axuda a domicilio de calidade, 100% pública e cunha condicións laborais dignas foi firme e mantiveron paro indefinido até o inicio do estado de alarma. Dende entón pouco se sabe da fase na que está a externalización do SAF xa que, segundo o Concello, publicáronse as plicas no Diario oficial da UE, "pero descoñecemos cales son as condicións dos pregos porque non llos trasladaron á representación social, ou sequera se foron publicados no DOG ou no BOE", explica Xosé Manoel Silva, responsábel da Unión Local da CIG de Monforte.
O que si está certo, engade, é que non se están cubrindo as ausencias "porque o Concello di que durante o estado de alarma non pode realizar contratacións. É dicir, o Goberno local impediu as traballadoras exercer o seu lexítimo dereito á folga escusándose en que son un servizo esencial que non se pode deixar de prestar, pero agora, na situación de emerxencia sanitaria, non lle importa desatender ás persoas que, precisamente, máis atención necesitan".
Ademais da folga e das mobilizacións, na súa loita contra a privatización do servizo, as traballadoras entregaron na Consellaría de Política Social máis de 3.000 sinaturas recollidas entre a veciñanza e promoveron unha moción de apoio na Deputación de Lugo, que foi aprobada cos votos a favor do PSOE e BNG, mentres que o PP votou en contra.