O Xulgado anula o concurso para cubrir 106 empregos na Deputación de Ourense
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense decidiu anular o concurso mediante o que se ían cubrir un total de 106 empregos na Deputación Provincial ao entender que se trata dun mecanismo para repartir postos de traballo que atenta contra o principio de igualdade.
A sentenza que se vén de coñecer estima integramente o recurso interposto pola CIG contra a resolución do presidente da Deputación Provincial pola que se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria de concurso para cubrir 106 postos de traballo. A decisión xudicial baséase en que este proceso constitúe un circuíto pechado para repartir empregos e atenta contra o principio constitucional de igualdade. Ao mesmo tempo, o tribunal imponlle á institución provincial o pago dos gastos do proceso.
Dentro dos fundamentos de dereito citados na sentenza, a sala indica textualmente que “con esta actuación vulnéranse non só os artigos 14 e 23 da Constitución Española”, senón tamén preceptos do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a e da Lei de Emprego Público de Galiza.
O secretario de Organización e responsábel da asesoría xurídica da central en Ourense, Anxo García Torres, sinala que “esta é a maneira de consolidar os postos de traballo neste organismo, pola porta de atrás, facendo resolucións a medida para colocar o persoal ligado ao Partido Popular e impedindo que ninguén máis poda acceder, unha práctica xa secular nesta institución”.