O Xulgado anula o capítulo de persoal do orzamento 2020 do Concello de Ourense
O Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense vén de anular o capítulo I dos orzamentos do Concello de Ourense correspondentes ao ano 2020, contra o que a CIG presentara unha denuncia por vulneración do dereito de negociación colectiva.
A sentenza condena tamén o ente local a convocar, no prazo de 20 días, a mesa xeral de negociación coa finalidade de debater cos sindicatos os asuntos propostos con anterioridade.
A resolución xudicial anulou así mesmo os actos e disposicións de aplicación dese orzamento, como a Oferta Pública de Emprego. Dende a CIG lembran que na mesa xeral de negociación celebrada o día 27 de novembro de 2019 propuxeran oito puntos de debate, todos incluídos no catálogo de materias negociábeis en base ao artigo 37 do EBEP, “mais o grupo de Goberno recusou e impediu o debate, vulnerando o dereito á negociación colectiva”.
Por iso consideran “difícil de entender” que o alcalde de Ourense poida impedir “tan felizmente” o exercicio de dereitos constitucionais como a negociación cos traballadores/as. “Estamos diante dun xeito de gobernar que reflicte un menosprezo absoluto por valores como a pluralidade e o diálogo”.
Instrumentalización das institucións públicas
Lembran que o rexedor presentábase hai un tempo como “o campión da transparencia e da liberdade, pero resultou ser o campión do de sempre: do ordeno e mando e da instrumentalización das institucións públicas”.
Finalmente, sinalan que nos vindeiros días Gonzalo Pérez Jácome está obrigado a convocar a mesa de negociación do Concello de Ourense para repor a legalidade que el mesmo incumpriu. “Estaremos moi atentos/as ao que faga e a nosa resposta será proporcional ás súas decisións”.