O xulgado anula a sanción de Mercadona a unha delegada da CIG e obriga a indemnizala
A CIG-Servizos de Ourense tivo coñecemento recentemente dunha sentenza do Xulgado do Social número 4 que declara a nulidade da sanción imposta por Mercadona a unha traballadora, que ademais é delegada da central sindical, e obriga a indemnizala. A CIG continuou onte coa súa campaña de mobilizacións para rexeitar os abusos laborais por parte da empresa de alimentación.
Segundo explican dende a central sindical a decisión xudicial en materia de sanción declara a nulidade da advertencia escrita interposta a unha traballadora de Mercadona e delegada sindical da CIG o pasado 10 de outubro de 2023, condenando á empresa abonarlle a cantidade de 7.501 euros en concepto de indemnización por danos morais.
A nulidade vén determinada por ser en realidade unha sanción encuberta, adoptada sen respectar os requisitos formais legais. A sentenza, do pasado 20 de maio, é firme ao ter renunciado a empresa a presentar recurso diante do TSXG.
A CIG-Ourense continuou onte coa súa campaña de denuncia dos abusos laborais en Mercadona, desenvolvendo unha concentración diante do establecemento do barrio da Ponte para rexeitar, unha vez máis, os abusos que sofre o persoal traballador, como os excesos de xornada e a política de acoso instaurada pola compañía. “Un mecanismo represivo que emprega a empresa para controlar e coaccionar o persoal mediante un modelo baseado na instauración dun clima de terror nos centros de traballo mediante sancións e apercibimentos non regrados, que son as actas”.
Ningunha agresión sen reposta
Outro dos métodos que usa Mercadona para coaccionar as súas empregadas/os –“do que bota man maiormente para castigar as delegadas/os da CIG por reclamar os seus dereitos”- son as avaliacións individuais: entrevistas que a empresa lles realiza aos traballadores/as, e que repercuten directamente sobre un concepto salarial que denominan “prima”. “Esta pode ser dunha ou de dúas mensualidades na masa salarial anual, e se suspendes as entrevistas non cobras a prima. E se colles unha baixa por enfermidade común tampouco”.
Finalmente, dende a CIG insisten en que non tolerarán este tipo de represión nin de abusos laborais e adiantan que darán “cumprida resposta” a calquera agresión da empresa contra os dereitos das persoas traballadoras.