Abren dilixencias xudiciais pola decisión do INSS de revogar a incapacidade absoluta a un traballador envelenado por mercurio
Hai tres anos, a CIG presentaba unha querela por prevaricación administrativa contra o INSS da Coruña por revogarlle a incapacidade absoluta que tiña recoñecida dende 2011 a un traballador envelenado por mercurio. A actuación do INSS supuxo que Pablo Sánchez pasara a ser considerado apto para o traballo, a pesar das gravísimas patoloxías que padece e da forte medicación que ten que tomar. Derivado desa denuncia, o Xulgado de Instrución 8 da Coruña abriu dilixencias previas, polas cales chama a declarar mañá, martes 14 de novembro, ao Director Provincial do INSS e ao Presidente do Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI).
Dende a Executiva Comarcal da CIG da Coruña amosan a súa satisfacción pola apertura dunha investigación sobre esta arbitraria e inxusta actuación do INSS, que deixou na máis absoluta indefensión a este traballador, a quen se lle retirou a pensión que percibía e que xa non tiña dereito a reincorporarse no seu posto ou a cobrar unha prestación por desemprego. Ademais, debido a súa delicada saúde –con visitas constantes aos hospitais, episodios de perda de memoria, desorientación, etc.- Sánchez non pode desenvolver ningún traballo.
Aínda que, finalmente, a Seguridade Social volveu recoñecer a incapacidade absoluta de Pablo Sánchez (tras da presentación dun recurso administrativo), para a CIG é necesario que se depuren responsabilidades de cara a evitar que se repitan no futuro actuacións deste tipo por parte do INSS, que "só causan sufrimento e dor e condenan á exclusión social e á indixencia ás persoas que máis protección precisan".
Neste senso, Ernesto López Rei, secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña, apunta que este non é un caso illado, senón que o hai que enmarcar “nunha estratexia do INSS de dar altas para librarse de cargas”. Unha política de corte economicista que cualifica de “auténtica aberración”.
Unha vida pegada aos medicamentos e hospitais
A intoxicación por mercurio que padece Sánchez Pena está diagnosticada nos informes emitidos por todos os organismos e hospitais nos que é tratado. A súa é unha vida apegada aos fármacos (ten arredor de 40 patoloxías diferente para as que toma máis de 1.000 medicinas cada mes) e aos hospitais (conta con historial médico en practicamente todas as especialidades a causa do envelenamento que sofre).
A súa doenza veu derivada do seu traballo nunha empresa que se dedica á fabricación de rótulos fluorescentes (que conteñen mercurio e vapor de mercurio), e o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñeceu como enfermidade laboral a intoxicación crónica que padece.