
O XI Encontro Nacional de Mulleres terá lugar o 25 de xaneiro en Lugo

O próximo 25 de xaneiro terá lugar en Lugo o XI Encontro Nacional de Mulleres da CIG no que se abordará a preparación da campaña do 8 de Marzo, “Día Internacional das Mulleres Traballadoras".
A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, explica que os contidos a tratar neste encontro "tocan aspectos fundamentais como a defensa da recuperación dos nosos salarios fronte á subida e os prezos, a análise dos efectos da reforma laboral, os atrancos á conciliación que expulsan as mulleres do traballo remunerado, os efectos dos recortes dos servizos públicos nas nosas vidas, a condena á pobreza na vellez a través das reformas das pensións e o non recoñecemento de dereitos laborais en igualdade de condicións para as empregadas do fogar", sinala.
Aproveitarase tamén para facer unha planificación da campaña, así como o deseño dos actos que a CIG vai convocar o propio 8 de Marzo. "Queremos que teñan especial relevancia as compañeiras que protagonizaron as folgas de sectores feminizados, como as traballadoras do SAF ou as de Inditex, e ao igual que nas convocatorias anteriores, devolverlle á conmemoración do 8 de Marzo o contido de clase".
Por último, Castro adiante que no Encontro Nacional abordarase a participación da CIG nas campañas e actos que se desenvolvan desde o feminismo galego, "como viñemos facendo en anos anteriores, nomeadamente desde a Marcha Mundial das Mulleres da que facemos parte".