O VIII Congreso de banca reelixe a Sefi Romero como secretaria nacional
A federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Centros de Chamadas da CIG reelixiu, este sábado, con 107 votos a favor, 2 en branco e ningún nulo, a Sefi Romero como secretaria nacional, no seu VIII Congreso, que se celebrou baixo o lema “O sindicalismo necesario”. No decurso da mañá os e as delegadas avaliaron o traballo desenvolvido nos últimos catro anos e analizaron a situación dos diferentes sectores e definiron as liñas que guiarán a acción sindical no próximo período.
O VIII Congreso elixiu ademais a nova Executiva Federal que obtivo 104 votos a favor, 5 en branco e ningún nulo, está composta por:
Sefi Romero Álvarez
Óscar Calvo Varela
Rosa Mª Conde Seguín
Alexandre Espinosa Menor
Carmen García González
Patricia Cordo Ares
Alberto Alonso Carballo
Xunto a isto, elixíronse con 108 votos a favor, 1 branco e ningún nulo, ás persoas que representarán á federación no Consello confederal, que son:
Sefi Romero Álvarez
Alexandre Espinosa Menor
Patricia Cordo Ares
O VIII Congreso da CIG-Banca arrincou co saúdo do secretario comarcal da CIG-Compostela, Pepe Maio, a votación do Regulamento e o canto da Internacional. De seguido, e antes de comezar coa presentación do Informe de Xestión, Sefi Romero pediu un minuto de silencio para compañeiros como Anxo Freixido Seoane (Freixido do Pastor); Manuel Valcárcel Rodríguez (Manolo do Banesto); Xoan Luis Rodríguez Fernández (Pío de Caixa Ourense); Venancio Real Deus (Nancho do BBVA); Miguel Delgado Fernández (Miguel de Verín de Caixa Ourense) e Xulio Adán Eiroa (Xulio do Pastor), dos que salientou a súa militancia e entrega e aos que agradeceu a súa “contribución na construción deste proxecto sindical”.
No Informe de Xestión da Executiva e do Secretariado Nacional -aprobado con 110 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións-, que fai un percorrido polos distintos sectores aos que atinxe a federación, tivo un papel destacado a pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias. Fundamentalmente porque acelerou procesos que tiveron un grande impacto, mais tamén porque moitos foron declarados esenciais: o sector financeiro, o dos centros de chamadas e todo o relacionado coas TIC, fundamentalmente nas empresas de servizos informáticos a todos os niveis. Un período no que, malia todo a CIG-Banca foi quen de manter a súa presenza mobilizadora na rúa, para denunciar as agresións laborais e sociais a todos os niveis.
Así o explicou Sefi Romero, quen interveu en representación dos organismos para dar conta do inxente traballo realizado nestes últimos catro anos e facer unha radiografía da situación. Ao remate da súa presentación abriuse un debate no que as diversas intervencións incidiron sobre as negativas consecuencias do teletraballo, ao fío da análise que se fai sobre esta cuestión no propio informe.
De seguido debateuse o Relatorio de Organización, que foi aprobado con 103 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións; o Relatorio de Estatutos, que recibiu 104 votos a favor, 1 abstencion e ningún voto en contra e o de Acción Sindical que obtivo 106 votos a favor, sen votos en contra nin abstencións.
O sindicalismo necesario
A recén reelixida secretaria Nacional comezou explicando o por que do lema escollido para este Congreso, “O sindicalismo necesario”. Nese sentido sinalou que “fronte a outras organizacións que optan polos pactos e a paz social, actuamos fronte ás inxustizas, poñendo toda a nosa organización ao servizo da clase traballadora”. Un modelo sindical, “nacionalista e de clase, asembleario, combativo e de contrapoder” que, lembrou, é a primeira forza sindical en Galiza, en afiliación, en capacidade de mobilización e tamén en número de delegadas e delegados.
Advertiu do agravamento da crise; da “radicalización da ofensiva antisocial e antiobreira”; do “aumento da explotación e un brutal empobrecemento salarial” e cuestionou o “aparente goberno de esquerdas” do Estado español, por no ter derrogado “as leis que afectan á clase traballadora”, mais tamén por se render “ás ordes da Unión Europea”.
Considerou que, ante esta situación, a CIG é a mellor ferramenta para que a clase traballadora conquiste a mellora das súas condicións materiais de vida e de traballo. Por iso, co obxectivo de fortalecer o proxecto sindical da CIG en todos os sectores e actividades que se organizan na federación, sinalou as liñas de actuación, tanto a nivel interno como de acción sindical “para enfrontar con determinación e firmeza os retos que temos por diante”.
Para iso avanzou que a CIG-Banca empregará todos os medios ao seu alcance para denunciar e enfrontar os embates das empresas e “as súas novas formas de escravitude e explotación como o teletraballo e a dixitalización dos procesos produtivos”.
Entre outras medidas de acción sindical, apuntou seguir exixindo a derrogación da reforma laboral, que permite a empresas con beneficios millonarios despedir a milleiros de persoas a conta dos cartos públicos, como aconteceu no sector financeiro nestes anos. Unha situación a consecuencia da que, denunciou, a total insuficiencia de persoal nas oficinas que provoca unha carga de traballo desmesurada; a exixencia de obxectivos comerciais inalcanzables e o aumento das baixas por enfermidade.
Avanzou ademais que continuarán loitando por un sistema financeiro que responda ás necesidades e intereses da cidadanía, evite a exclusión financeira e a supresión de servizos á clientela.
Centros de chamadas
A secretaria nacional da CIG-Banca denunciou a situación no Sector dos Centros de chamadas e nas TICs, por mor da deslocalización e do teletraballo, onde se está a reducir o persoal en Galiza por dúas vías: cando os clientes finalizan servizos para levalos a outras empresas doutras partes do Estado, ou coa contratación de persoal en teletraballo que nin sequera viven no noso país.
A este respecto apuntou a batalla a dar nos centros de chamadas “contra a presión salvaxe das vendas, as dificultades de conciliación, os míseros salarios (conxelados na práctica dende 2019 agás un insuficiente incremento a conta do 2,5% este ano), as contratacións parciais e os agresivos intentos da patronal de seguir precarizando as condicións do persoal a medio da nova modalidade de contratos fixos-descontinuos”. Unha solución que presentou o goberno contra a contratación temporal mais que, na práctica, “afonda na inestabilidade das condicións de vida das traballadoras e traballadores”.
Por iso, como obxectivo máis inmediato sinalou “conseguir que non se asine un convenio regresivo e prexudicial como pretende a patronal e como foron os de anos anteriores que contaron coa colaboración inestimable dos sindicatos pactistas”.
Canto as TICs considerou que a posibilidade de conseguir melloras para o persoal do sector pasa, necesariamente, por conseguir “un convenio galego que reflicta a realidade do traballo que se realiza nestas empresas, e que recolla unha clasificación profesional axeitada ao mesmo”. Ademais de que sexa un atractivo para evitar a perda de talento no noso país, nun momento en que debido a transformación dixital, hai unha abundante oferta de emprego”.
Tamén neste caso denunciou o fenómeno do teletraballo, moi estendido en todas as empresas e que leva aparellado “a escravitude do traballo por obxectivos; con innumerables horas extras que non se pagan nin cotizan, pero que xeran beneficios para estas empresas que están a vivir unha gran expansión”.
O obxectivo da federación pasa, segundo afirmou Sefi Romero, por “mobilizar as traballadoras e traballadores do sector, sacándoos do illamento para adquirir conciencia colectiva das súas condicións e de que a súa implicación será determinante”.
Non esqueceu, en todo caso, a problemática doutros sectores como o de oficinas e despachos, con convenios en moi precarias condicións, que afectan a un número moi importante de traballadoras e traballadores en todo o país, fundamentalmente en pequenas empresas, e para o que teremos que desenvolver un plan de acción nos vindeiros meses.
Negociación colectiva
Neste contexto complexo a secretaria nacional de CIG-Banca considerou fundamental enfrontar a negociación colectiva e os plans de igualdade como oportunidades e instrumentos para introducir melloras laborais e en materia de igualdade. Unha tarefa “enorme” para a que, afirmou, “temos unha estratexia e un obxectivo perfectamente marcados”.
Romero concluíu que “a loita é o único camiño” e por iso reiterou a mensaxe do lema deste VIII Congreso, “somos o sindicalismo necesario porque o necesario neste momento actual é plantarlle cara aos abusos da patronal e á falla de resposta dos gobernos, tanto no Estado como en Galiza, e esixirlle a adopción de medidas que corrixan dunha maneira real e efectiva a situación da clase traballadora, para recuperar dereitos e lograr unha saída galega xusta desta crise”.
Susana Méndez lembra que “a forza da nosa clase nace da loita colectiva”
A secretaria de Organización, que se dirixiu ao VIII Congreso da CIG-Banca en representación da Executiva Confederal, referiuse tamén aos Centros de Chamadas. Nese sentido, criticou as consecuencias da dixitalización no mundo do traballo, incipiente antes da pandemia, mais que se acelerou con esta, con peches de oficinas bancarias e despedimentos. E lembrou a análise que desde a central sindical se facía do teletraballo, polo que implicaba introducindo unha crecente “individualización das relacións laborais”.
Isto, apuntou, “dificultou moito o acceso que desde a CIG podíamos ter ás traballadoras e traballadores de sectores como o telemarketing ou as TIC”. Por iso chamou a combatelo nos centros de traballo e nas rúas, subliñando que “a forza da clase traballadora nace da loita colectiva”.
Salarios dignos
Méndez lembrou as recentes mobilizacións en demanda de salarios dignos e políticas públicas. “Salarios dignos que nos permitan manter unhas condicións de vida mínimas após o enorme incremento da carestía da vida”, dixo, e “políticas públicas que eviten que de novo sexamos a clase traballadora a que paguemos esta crise na que xa estamos de cheo, provocada unha vez máis polo afán acaparador de riqueza do capital, escusado nesta ocasión nun conflito bélico”.
Por iso, para acadar a recuperación e mellora de dereitos, a secretaria de Organización chamou a incrementar a conflitividade nas empresas, co obxectivo de chegar con forza ás mesas nas negociacións dos convenios. Mais tamén a “acrecentar o conflito social”, dado que “as medidas que levan adiante os gobernos, as que se recollen nos orzamentos do Estado (e seguramente as que se recollan tamén nos orzamentos da Xunta) son escasas e insuficientes”.
Alternativa da CIG
Fronte a iso defendeu a proposta elaborada pola CIG, que contempla 10 medidas urxentes contra a crise e contra a pobreza que “de facerse efectivas significarían unha saída digna da crise para a maioría social galega” porque permitirían “enfrontar a pobreza e a precariedade”.
A este respecto explicou que a CIG non só acredita na mobilización como importante ferramenta da clase traballadora, senón que tamén ofrece alternativas que “pasan pola autoorganización e por ter a capacidade de decidir como pobo sobre os nosos recursos e sobre todo o que afecta ao noso país”, incidiu.
Méndez contrapuxo as alternativas e a loita en defensa dos intereses da clase traballadora da CIG, ao “diálogo social” que practican as centrais sindicais “pactistas”, das que denunciou que “asinan o primeiro que lles poñen diante, entregando ás traballadoras e traballadores nas mans do capital”.
Susana Méndez concluíu lembrando que a CIG “estará sempre en fronte do capital e de quen pretenda que a clase traballadora pague a crise. En fronte de quen teña iniciativas lexislativas que nos agriden e nos rouban dereitos e en fronte de quen asina pactos que empobrecen e precarizan as nosas vidas”.