O VIII Congreso da CIG-Saúde elixe a Manuel González Moreira como novo secretario nacional
O VIII Congreso da CIG-Saúde que tivo lugar hoxe en Vigo elixiu a Manuel González Moreira como novo secretario nacional da federación por 91 votos a favor, 2 en branco e 1 nulo. Durante o proceso, que se celebrou baixo o lema 'Avanzando xuntas', tamén se renovou a Executiva e se escolleron as persoas que representarán a federación no Consello Confederal.
Integrantes da nova Executiva Nacional da CIG-Saúde:
1. Manuel González Moreira.
2. Ana Belén Lestón Gallardo.
3. Lucía Peón Soutiño.
4. Miguel Tizón Méndez.
5. Mª Áurea Rodríguez Blanco.
6. Irene Tato Mosquera.
7. Francisco Xavier Alvedro Álvarez.
Un establecemento hoteleiro vigués acolleu este sábado unha cita na que arredor dun cento de congresistas debateron e acordaron as liñas de traballo a desenvolver pola federación de Saúde durante os vindeiros catro anos, ademais de renovar os seus órganos de dirección. Ao proceso concorreu unha única lista de consenso, encabezada por Manuel González Moreira, que resultou elixido novo secretario nacional en substitución de María Xosé Abuín, que deixa o cargo tras máis dunha década á fronte da federación.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra ao inicio do acto para parabenizar a federación polo traballo desenvolvido dende o anterior Congreso, salientando especialmente a súa capacidade de iniciativa, de proposta, de mobilización e de organización na defensa dos servizos públicos, dunhas condicións de traballo dignas e no combate contra a precariedade laboral tanto na sanidade pública como na privada.
Carril incidiu especialmente no papel que xoga a CIG-Saúde na defensa da sanidade pública, “xa que se hoxe hai un nivel de conciencia social e de sensibilización sobre a súa importancia é grazas ao conxunto do sociedade, pero tamén a un actor fundamental como é a CIG-Saúde, pola súa capacidade para trasladar fóra dos centros hospitalarios a necesidade de defender a sanidade pública fronte aos constantes ataques do Partido Popular e das políticas da Xunta de Galiza”.
Neste senso, fixo especial fincapé en que a pesar da “desfeita” que deixa o Goberno de Feijóo a nivel económico e social “non conseguiron o seu obxectivo de desmantelar a sanidade pública galega, que resiste aos brutais ataques desta ofensiva, algo do que nos temos que sentir orgullosos/as, xa que nun contexto económico e social tan duro como o actual resistir é avanzar”.
Unha situación que cualificou de “extrema”, xa que ás consecuencias da pandemia -que se viñeron a sumar á emerxencia nacional e social que atravesabamos- engádese agora a guerra de Ucraína. Neste senso, denunciou que se estea aproveitar o conflito bélico para xustificar o afondamento nas políticas neoliberais que tanto sufrimento teñen causado á maioría social.
Por todo isto, chamou a intensificar a mobilización e a saír á rúa este Primeiro de Maio baixo o lema 'Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos', e ao tempo tempo a combinar a nosa capacidade de loita coa achega de propostas e a organización da clase traballadora como elemento chave para poder avanzar en dereitos laborais e sociais e conseguir a aplicación de políticas alternativas.
Finalmente, fixo un recoñecemento “sincero e profundo” do traballo feito pola secretaria nacional saínte e agradeceulle “a entrega e o compromiso demostrados” durante todos estes anos. “O noso máximo recoñecemento e agradecemento e o noso forte aplauso á compañeira María Xosé Abuín”.
Firmeza combativa da comarca
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, lamentou que a área sanitaria viguesa se teña convertido na “zona cero” do “desastre privatizador” como consecuencia das políticas da Xunta do PP. En concreto, citou a imposición dun novo hospital “privatizado e insuficiente”; o mantemento dun concerto especial co hospital privado Povisa “que impón unha sanidade desigual”; e o aumento da derivación da atención sanitaria a outros centros privados.
Mais amosou a súa satisfacción polo feito de que a comarca teña destacado pola súa firmeza combativa, protagonizando procesos mobilizadores para esixir un cambio de rumbo, “reclamando o noso dereito a unha sanidade 100% pública, universal e de calidade”. Precisamente nesa “resposta “masiva” ala bou o papel xogado pola CIG-Saúde, “que contribuíu dunha maneira importantísima a despregar unha axenda mobilizadora, tanto no ámbito sindical, por parte do propio persoal sanitario, como tamén, sobre todo, a nivel social”.
A secretaria nacional saínte, María Xosé Abuín, tomou a palabra a continuación para expoñer as principais liñas do Informe de Xestión da Executiva, que foi aprobado por 94 votos a favor e 1 abstención. No documento faise especial fincapé ás consecuencias da pandemia da covid, que foi xestionada “irresponsablemente dende o minuto cero” e que fixo que se visibilizaran as “múltiples deficiencias” que ten o sistema e a “nefasta xestión” que del se fai e á que o Goberno do PP fixo fronte co “compromiso e traballo” do persoal da sanidade.
“Unha prestación de servizo en precario, con cadros de persoal insuficientes, e que puxo de manifesto que a saúde laboral do persoal non é unha prioridade, xa que o persoal traballou pondo en perigo a súa saúde ao non ter nin a formación nin o material suficiente para a súa protección”.
Tamén se subliña o “importante deterioro” da atención primaria e da atención hospitalaria, “un deterioro planificado, xa que desde a publicación do Plan de Ordenación de Recursos Humanos do ano 2012, a Administración era consciente do número de xubilacións dos próximos anos, xubilacións que non foron tidas en conta para a reposición do persoal”.
Nesta liña, a falta de persoal de determinadas categorías, a diminución constante dos orzamentos destinados a sanidade pública e a consideración que fixo o PP de igualar a sanidade pública e privada “incidiron negativamente na precariedade”. E sostense que “non existe unha xestión eficiente sen planificación”, polo que se insta á Consellaría de Sanidade que poña fin ás políticas “de improvisación e de recortes”.
En canto aos principais retos para os vindeiros catro anos, recollidos no relatorio de Acción Sindical, apóstase por afondar na formación sindical dos delegados/as, mellorar a capacidade de resposta e funcionamento da organización e fortalecer o noso modelo sindical “fomentando dinámicas de participación, de realización de asembleas, de percorrer os centros difundindo a nosa mensaxe, da nosa propia conflitividade laboral, fuxindo do individualismo e da insolidariedade propios das organizacións sindicais estatais”.
Xenerosidade e compromiso
Na súa intervención posterior á presentación do Informe da Executiva, Abuín deu por pechada unha etapa sindical de moitos anos, primeiro como delegada e logo como secretaria nacional, “un traballo que considero que realicei co máximo compromiso, responsabilidade e coherencia, un traballo con erros e acertos, como o que se espera de toda persoa; mais un traballo que non tería levado a cabo sen a herdanza e aprendizaxes recibidas das persoas que construíron o proxecto da CIG; unha construción realizada dende a súa xenerosidade e compromiso”.
Agradeceu o traballo desenvolvido por todas as persoas que a acompañaron ao longo destes anos, en especial a todas as mulleres que iniciaron a loita sindical nun período “dunha maioría aplastante de homes”, mais tamén fixo fincapé en que “neste eido aínda queda moito por facer”.
Chamou así mesmo a seguir a desenvolver un traballo sindical “que vai máis alá da defensa puntual dos dereitos do persoal, xa que ten que crear conciencia social, conciencia de país, e manter o equilibrio na defensa dos dereitos laborais e dun sistema público, para garantir que todas as persoas teñan dereito a recibir unha asistencia de calidade con independencia de onde residan”. Co obxectivo último de contar cunha sanidade dinámica que permita a incorporación de novos colectivos, “xa que a atención integral supón a cooperación multidisciplinar”.
Por un sistema sanitario público galego
Xa pola tarde, unha vez realizadas as votacións e proclamado novo secretario nacional e a nova Executiva da federación, a secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, dirixiuse a todos/as os presentes para parabenizar e agradecer o “enorme traballo” da Executiva, e nomeadamente de María Xosé, que deixa de ser secretaria nacional, “pero estou segura de que non deixará de loitar igual que o viña facendo”.
Á nova Executiva e ao novo secretario nacional desexoulles “forzas e lucidez” para encarar o “inxente traballo” que vén por diante. Xa que despois de dous anos de pandemia, na que o persoal da sanidade “foi especialmente imprescindíbel e especialmente agraviado, podemos dicir, por desgraza, que as denuncias que facíamos sobre o desmantelamento da sanidade pública eran certas, e que se a sanidade pública aguantou o tipo foi grazas ao seu persoal”.
Advertiu que a situación é hoxe máis grave ca nunca, polo que se fai máis importante ca nunca tamén darlle a volta. “Aí estará a CIG-Saúde, dándoo todo para unha sanidade pública de calidade, para a defensa dos dereitos da clase traballadora, e, nomeadamente, dos dereitos do persoal da sanidade, e para que, máis pronto que tarde, poidamos ter un sistema sanitario público galego nunha Galiza libre”.
Intervención do novo secretario nacional
O novo secretario nacional da CIG-Saúde foi o encargado de pechar o acto antes da interpretación do Himno Galego. Manuel González Moreira salientou o actual “contexto de incerteza” que afecta ao conxunto da sociedade e que se manifesta de xeito “especialmente grave” no ámbito da sanidade.
Moreira denunciou que despois de anos de recortes e privatizacións dos servizos públicos aplicados polas grandes corporacións internacionais, FMI, Banco Mundial e Unión Europea e seguidas polos diferentes gobernos o sistema sanitario público atópase debilitado, precarizado e sen recursos para dar unha resposta digna ás necesidades da poboación.
Neste contexto, as medidas de “austericidio” impostas pola UE e aplicadas “sen complexos” polos Gobernos español e galego deixaron como consecuencia uns cadros de persoal escasos, precarizados, debilitados polo esgotamento e a presión psicosocial que se sofre nos postos de traballo, e sen posibilidade de recambio en moitas categorías profesionais.
“A suma de elementos como a taxa de reposición, a falta de planificación das necesidades formativas de profesionais e o debilitamento do sistema de formación de especialistas sanitarias, evidenciado na falta de titoras, ten como consecuencia que nos atopemos nunha tormenta perfecta de incremento de necesidades asistenciais e de ausencia de profesionais nos cadros de persoal para darlles resposta”, criticou.
Limitacións da saniddade pública
Segundo manifestou, a chegada da pandemia non fixo máis que agudizar e poñer de manifesto as limitacións da sanidade pública, limitacións foron compensadas, en parte, polo esforzo e dedicación do conxunto das profesionais, “que conseguiron minimizar os efectos a cambio dun sobre esforzo que aínda a día de hoxe non está a ser compensado, máis ao contrario, continuamos a sufrir recortes en salarios, en concesións de permisos e vacacións, mobilidades forzosas nos hospitais e centros de saúde, contratacións precarias e ceses, en moitos casos, sen unha planificación previa das necesidades”. Traballo que foi realizado -tal e como asegurou- nunhas condicións que non respectaron os mínimos estándares de seguridade e saúde no traballo.
Por iso adiantou que nos vindeiros anos a CIG-Saúde terá que facer fronte ao desafío de dar unha resposta “axeitada e contundente a esta situación, e isto só será posible se continuamos avanzando xuntas na organización, e co conxunto das traballadoras, na defensa dos dereitos laborais e sociais e, implicando á cidadanía, na defensa da sanidade pública”.
Para rematar, queixo deixar moi claro que “estamos nun momento chave neste contexto histórico” que se pode resolver cunha diminución de dereitos “se non somos quen de dar respostas contundentes as agresións, tanto á sanidade pública como ao conxunto da clase traballadora”.
Persoas representantes da CIG-Saúde no Consello Confederal:
1. Ana Belén Lestón Gallardo.
2. Xosé Manuel Marcote Baña.