O VIII Congreso da CIG elixe a nova Executiva Confederal e a Paulo Carril como secretario xeral
» Accede aquí aos vídeos do VIII Congreso
A CIG celebrou hoxe o seu VIII Congreso, o primeiro como a forza sindical con máis representación en Galiza, como xa o era en afiliación e en capacidade de mobilización. Unha xornada de debate na que, baixo o lema "Forza para Avanzar", máis de 600 delegados e delegadas actualizaron o modelo de organización e definiron as liñas de acción sindical que guiarán o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos. O VIII Congreso reelixiu ademais a Paulo Carril como secretario xeral, que recibiu 464 votos a favor, 35 en branco e 7 nulos e renovou a súa Executiva confederal que foi respaldada por 477 votos a favor, 29 en branco e 3 nulos.
Deste xeito, a nova Executiva Confederal queda conformada por:
Paulo S. Carril Vázquez
Susana Méndez Rodríguez
Paulo Rubido Bará
Francisco González Sío
Antonio Mera de La Fuente
Lucía Freire Ces
Miguel Malvido Cabirto
Nicolasa Castro Monteiro
Cristina Martínez Padín
Anxo Noceda Carballo
Renato Núñez Da Silva
Diana Rodríguez Regueira
Composición da Comisión de Garantías
O VIII Congreso elixiu ademais a Comisión de Garantías, para a que tamén se presentou unha única candidatura, que foi referendada por 472 votos a favor, 40 brancos e 4 nulos e que queda conformada por:
Birino Marcos Baamonde
Marta Dacosta Alonso
María Mar Peteira Cabana
Nieves Somoza López
Luis Burgos Díaz
Xosé Ramón González Losada
O Congreso daba comezo as 9:30 horas coa votación do Regulamento, a intervención do secretario comarcal da CIG de Compostela, Pepe Maio, e a visualización dun vídeo no que se fai un percorrido pola acción sindical máis salientable dos últimos catro anos. As delegadas e os delegados asistentes dedicaron ademais un minuto de silencio en memoria do que foi secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco.
En diante, e ao longo de toda a mañá, sucedéronse as intervencións arredor dos textos de Organización e Acción Sindical, que se fixan como obxectivo poñer a punto o sindicato para consolidar a súa condición de primeira forza e enfrontar a crise económica, laboral e social afondada pola pandemia.
Homenaxe a Margarida Corral e Fran Cartelle
Antes de se iniciar as intervencións do acto de clausura, Margarida Corral, até o de agora secretaria das Mulleres da CIG, e Fran Cartelle, até o de agora secretario confederal de Emprego, recibían o aplauso unánime do Congreso en recoñecemento ao labor desenvolvido en todos estes anos como membros da Executiva Confederal e un agasallo de mans do secretario xeral, Paulo Carril.
Interviñeron ademais, en representación das máis de 20 organizacións sindicais internacionais asistentes, a secretaria xeral de LAB, Garbiñe Aranburu; o secretario xeral da Intersindical catalana, Sergi Perelló; o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza; o responsábel de Relacións Internacionais da CGTP, Joao Barreiros; o membro do secretariado do sindicato palestino PGFTU, Omar Deis; e Kasisa Sherif, responsable de Relacións Internacionais do sindicato saharauí UGT-Sario.
Forza para avanzar
Paulo Carril, na súa condición de reelixido secretario xeral, pechou o Congreso, cunha intervención na que repasou os tres principais obxectivos da CIG de cara aos próximos catro anos.