O VIII Congreso da CIG-Administración Pública elixe a Luis Carballo como secretario federal
O VIII Congreso da CIG-Administración Pública escollía este sábado a Luis Carballo Pose como novo secretario federal. No proceso que tivo lugar no Pazo de Congresos de Compostela baixo o lema "Emprego público e de calidade. Servizos públicos", tamén se elixiu a nova Executiva da federación e mais ás persoas que representarán a CIG-Administración no Consello Confederal da CIG.
Para a secretaria nacional concorreron 2 candidaturas encabezadas por Luis Carballo Pose, que obtivo 97 votos, e Manuel Gallardo Canitrot, que obtivo 91 votos.
Para a Executiva federal presentáronse 4 candidaturas encabezadas por Luis Carballo Pose (que sacou 93 votos), Manuel Gallardo Canitrot (que obtivo 59 votos), Gerardo Alvaredo Maceda (que logrou 22 votos) e Xaime Rey Vázquez (que conseguiu 18 votos).
Composición da nova Executiva federal
Deste xeito, a nova Executiva federal da CIG-Administración Pública queda conformada polas seguintes persoas:
1.- Luis Carballo Pose
2.- Ana Santomé Santos
3.- Catia Vázquez Cortiñas
4.- Mª Socorro González Otero
5.- Manuel Gallardo Canitrot
6.- Rosa Mª Fernández Múñoz
7.- Roberto Varela Gestal
8.- Xaime Rey Vázquez
9.- Gerardo Alvaredo Maceda
Persoas elexidas para o Consello Confederal da CIG
Para a escolla das persoas que representarán á federación no Consello Confederal houbo 3 listas, encabezadas á súa vez por Luis Carballo Pose, Manuel Gallardo Canitrot e Xan Carlos Ansía Rodríguez. A primeira obtivo 96 votos, a segunda 59 e a terceira 32 votos.
De tal maneiras que as persoas elixidas son:
1.- Luis Carballo Pose.
2.- Francisco Xavier Picón Picallos.
3.- Mª Carmen López Santamariña
4.- Manuel Gallardo Canitrot.
5.-Consuelo Rodríguez Rodríguez.
6.- Xan Carlos Ansía Rodríguez.
Tras saír elixido como novo secretario federal, Luis Carballo, foi o encargado de facer a intervención de clausura deste VIII Congreso, adiantando os “deberes” que ten que afrontar a federación neste mandato a respecto da formación, da mobilización e da implicación activa nas comarcas, e marcou como obxectivos consolidar a CIG como primeira forza sindical e evitar que a administración electrónica supoña o desmantelamento dos servizos públicos.
“A CIG-Administración entende que as tecnoloxías serán no futuro o eixo do funcionamento das administracións, pero isto non pode servir de pretexto para desmantelar os servizos públicos. Como sindicato temos que combater a privatización, a deslocalización dos postos, o mal chamado teletraballo e o que é peor, a redución, amortización e supresión dos postos de traballo”, afirmou. Carballo insistiu en que a administración electrónica non pode ir por este camiño, polo que apelou a dar un impulso á capacidade de mobilización.
Como terceiro obxectivo, sinalou a necesidade de recuperar os dereitos perdidos. Cifrou a perda de poder adquisitivo dos salarios nos últimos dez anos, “aínda con ese mal chamado acordo de emprego público”, no entorno do 15%. “Non podemos consentilo. Como tampouco podemos consentir que a idade media dos/as traballadores/as das administracións públicas estea nos 50-55 anos, porque isto vai en detrimento dos servizos públicos".
Mais, salientou, "soamente a través da mobilización imos poder reverter esta realidade”. Abundando nesta cuestión, Carballo apelou “a non ser conformistas e ir un paso máis alá. Non vale só con recuperar os dereitos, temos que avanzar na conquista de novos dereitos”.
O novo secretario federal concluíu remarcando os tres obxectivos principais: consolidar e ampliar a CIG como primeira forza sindical no conxunto das administracións públicas en representatividade e afiliación; evitar que o avance da administración electrónica desmantele os servizos públicos; e a recuperación de todos os dereitos perdidos. “Son obxectivos alcanzábeis e deben marcar o noso camiño”, sinalou.
Mais tamén animou a facer valer a resolución aprobada no VIII Congreso Confederal ao respecto de abordar o debate da convocatoria dunha folga xeral “ao que esta federación non pode quedar allea, debemos ser partícipes”.
Unha federación cohesionada para unha mellor resposta de clase
No acto de clausura participou tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen valorou que deste congreso a federación ten que saír reforzada, cohesionada e máis áxil para sermos un instrumento verdadeiramente útil aos intereses da clase traballadora e para afrontar nas mellores condición posíbeis os grandes retos que ten por diante o sector: como os procesos de estabilización do emprego, a recuperación dos dereitos e os salarios roubados ao persoal empregado público, a dixitalización da administración ou a defensa dos servizos públicos, especialmente importantes nun momento de crise como o actual.
“Uns servizos públicos, alertou, atacados polas políticas neoliberais que protagoniza a diario o goberno de Feixoo e pola falla de decisión do goberno español á hora de derrogar as políticas de recortes aplicadas polo PP nas administracións, sobre todo no relativo ao mantemento das taxas de reposición”, sinalou.
Esta imposición de límites á reposición de efectivos, engadiu, está directamente relacionada con outro dos grandes desafíos que ten que atender á federación, como é a elevadísima precariedade que existe nas administracións públicas e a necesidade de resolver de forma xusta os procesos de estabilización.
Carril advertiu que esta acción sindical terémola que desenvolver nun contexto no que a UE “esixe duras receitas para acceder aos fondos europeos e que xa está levando a que a próxima reforma laboral ou das pensións, en vez de restituír dereitos sirva para consolidar as reformas do ano 2010, 2011 e 2012 e introducir novos recortes, dos que os servizos públicos serán vítimas, outra vez, baixo a escusa do endebedamento público”.
Neste senso, o secretario xeral da CIG salientou a necesidade de defender e aproveitar os marcos propios de relacións laborais, en especial na administración pública, “para que non se vexan cercenados de xeito permanente polos grandes acordos que se toman en Madrid e que limitan a capacidade que temos nas mesas de negociación do noso propio país”.
Carril rematou facendo un chamado a intensificar os sinais de identidade máis importantes que nos definen como sindicato nacionalista de clase: combativo, de contrapoder, mobilizador, participativo e asembleario. “Venzamos a división interna, superemos o burocratismo e apostemos pola cohesión interna para así recuperar a plena capacidade de ter alternativas e propostas audaces, que xunto coa mobilización abran o camiño para levalas adiante, porque a loita é o único camiño”.
A lacra da taxa de reposición e dos acordos de concertación
Neste VIII Congreso tamén se debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por 83 votos a favor, 52 en contra e 28 abstencións.
No documento, exposto polo secretario nacional en funcións, Xabier Picón, faise un repaso pola acción dos últimos catro anos, marcados por unha negociación colectiva topada polos acordos asinados polos sindicatos estatais tanto en Madrid como en Galiza, que supuxeron manter os recortes laborais e salariais nos dereitos do persoal empregado público e avalar as taxas de reposición de efectivos. Unhas limitacións impostas polos gobernos do Estado que afondan no deterioro dos servizos públicos, ao impedir recuperar o emprego perdido ou rescatar servizos privatizados, e resultan determinantes nas altísimas taxas de temporalidade que se dan nas distintas administracións públicas.
A supresión das taxas de reposición é unha demanda que a CIG formulou de maneira constante e reiterada dende o momento mesmo da súa imposición, e que a central volveu levar ás negociacións da reforma do EBEP, pois calquera proceso de estabilización do emprego verase lastrado polo mantemento desta medida de austeridade.
Sinálase a perda de poder adquisitivo dos salarios, condicionados polos acordos salariais asinados para o período 2018-2020 "que apenas supuxeron unha recuperación do poder adquisitivo dun 3.75% fronte ao case 11% de perda acumulada dende o 2010". Unha recuperación que, xa se advirte no informe, posiblemente quedará anulada pola desviación do IPC deste 2021.
As consecuencias nefastas para a clase traballadora da renuncia das centrais sindicais estatais a unha negociación colectiva real en aras do chamado "diálogo social" ten un claro expoñente no acordo de concertación asinado en 2019 por CCOO e UGT coa Xunta de Galiza que excluía do acceso á carreira profesional ao persoal temporal e interino e que foi anulado por discriminatorio polo TSXG tras as denuncias presentada pola CIG.
A situación de pandemia tamén trouxo, ademais da necesidade de pular por medidas de protección e seguridade para o persoal considerado esencial, a necesidade de enfrontar novas formas de traballo, como o teletraballo, que xa se estaban a implantar e que foron aceleradas pola emerxencia sanitaria.
No documento faise un chamado tamén a incrementar a implicación da base afiliativa e do corpo de delegados e delegadas na vida do sindicato para reforzar a organización, mellorar a capacidade de resposta, avanzar na representatividade e sermos unha ferramenta realmente útil aos intereses da clase traballadora. Nesta liña, destácase o aumento sostido da afiliación nestes catro anos, que tivo un incremento neto de 1366 persoas.
Indícase que a CIG-Administración Pública rematou 2019 (ano no que se celebrou o groso dos procesos electivos) como primeira forza, mais cómpre facer un esforzo federal para mellorar resultados, nomeadamente no ámbito da administración local e da administración autonómica, polo número de delegadas/os que se escollen.
Conflitividade nas administracións
Refírese tamén o informe á conflitividade existente neste período nos distintos sectores ou ámbitos, que comezou coa histórica folga na xustiza galega, que a CIG tivo que manter viva logo dos manobras e das negociacións fóra das mesas dos sindicatos maioritarios. Unha loita exemplar como evidencia a persecución que sufriron posteriormente as nosas delegadas e delegados co xuízos e apertura de expedientes. Represión á que a CIG deu a correspondente resposta na rúa.
Tamén foi intensa a loita por mellorar as condicións laborais do persoal axente forestal e ambiental, do persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios, de Portos do Estado, na defensa do mantemento da prestación directa dos servizos de axuda no fogar, de Chantada e Monterroso, pola integración no servizo público das deputacións dos parques comarcais de bombeiros/as da Coruña, Lugo e Pontevedra, ou polo incremento de efectivos e o dereito ao descanso dos bombeiros/as municipais de Vigo.
Xunto a isto, a federación mobilizouse contra as leis de orzamentos do Estado e da Xunta, participou da campaña confederal en demanda dun sistema público galego de coidados, contra a reforma do EBEP formulada polo goberno español e cómpre tamén destacar a participación da CIG-Administración na folgas de mulleres de 2018, 2019 e 2021.
Sobre a loita feminista, no informe de xestión denúnciase que, malia o éxito das mobilizacións, o certo é que non houbo mudanzas salientábeis nin a nivel legal nin a nivel real. De feito, critícase que a Xunta de Galiza a día de hoxe, segue sen sacar adiante un Plan de Igualdade, a pesar de que se lle vén reclamando a súa negociación e non se deixa de presionar.
Os servizos públicos como garantía de xustiza social
Neste VIII Congreso debatéronse e marcáronse tamén as principais liñas de actuación sindical a levar adiante nos próximos catro anos para abordar novos retos como a dixitalización do traballo e enfrontar o denominado modelo de diálogo social e sindicalismo pactista, que tan pernicioso resulta para os intereses das traballadoras e dos traballadores.
No documento (aprobado por 134 votos a favor e 8 abstencións) defínese o modelo de administración e dos servizos públicos defendido pola CIG e propóñense unha serie de resolucións para abordar cuestións como o traballo a distancia e que a súa implantación e extensión non supoña nin a perda de dereitos nin afondar no desmantelamento dos servizos públicos. Relacionado con isto, advírtese tamén da necesidade de impulsar medidas tendentes á eliminación da fenda dixital ante a implantación da administración electrónica e a diminución progresiva da atención presencial.
Xunto a isto, céntranse o traballo na defensa dos servizos públicos como garantía da equidade e da xustiza social "polo que supoñen de garantía para reducir as diferenzas sociais e reforzar a cohesión social", algo que se fixo evidente durante a pandemia da Covid-19. Pero para ter uns servizos públicos de calidade, engádese, cómpre ter emprego público de calidade, cuns cadros de persoal correctamente dimensionados e reverter os servizos privatizados e integrar os que están baixo concesión.
Neste camiño, apóstase pola creación dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas que integre nunha única rede 100% de xestión pública todos os centros de asistencias e residencias de maiores, centros de día, de atención á diversidade, servizos de axuda no fogar, así como outros recursos; dotados suficientemente de recursos humanos e infraestruturas e dignificando as condicións laborais.
De igual xeito, a federación defende a creación dun servizo público galego de prevención, extinción de incendios e salvamento con cobertura en todo o territorio, no que poderían incorporarse os parques de bombeiros das cidades e que regule a profesión.
Xunto a isto, a transferencia de todo o relativo á xestión das políticas de emprego á Galiza e establecer unha nova estratexia no sistema dos portos galegos de interese xeral conxunta e coordinada.
Procesos de estabilización do emprego
No informe avalíase a acción ante os procesos de estabilización do emprego público para facer fronte as elevadas taxas de temporalidade, tan "indecentes" que a propia UE cominou o Estado español a reducilas. Mais a reforma do EBEP que se está a tramitar consagra o mantemento da taxa de reposición e non dá solución ao persoal vítima do abuso da temporalidade.
Fronte a isto, a federación da CIG aposta "por medidas reparadoras eficaces e proporcionadas para quen sexa vítima do abuso na temporalidade, apostando por verdadeiros procesos de consolidación de emprego, que respecten os ámbitos de negociación territorial ou sectorial e tendo en conta a orixe da temporalidade de cada administración e a especificidade de cada sector". E nesta liña demándase o incremento de efectivos "porque os procesos de consolidación e estabilización non son suficientes para facer fronte aos servizos que é necesario prestar".
Igualdade e conciliación
O relatorio de acción sindical trata polo miúdo as propostas en materia de igualdade e conciliación, pondo a atención no enorme traballo que queda por facer nestes ámbitos pois "aínda que as leis obrigan as administracións a implementar políticas de igualdade e a desterrar todas as formas de discriminación a realidade é que as medidas adoptadas, no mellor dos casos, non son máis que simples declaracións de intencións" que non ofrecen medidas concretar para acadar a igualdade efectiva e real entre homes e mulleres traballadoras.
Así, perfílanse pautas de actuación a respecto do uso da linguaxe non sexista, sobre a introdución de cláusulas de igualdade e de violencia de xénero, medidas en materia de formación. Tamén como abordar os Plans de Igualdade, a implantación de protocolos para previr o acoso sexual e por razón de xénero; e toda unha batería de recomendacións e medidas en materia de conciliación, xornada e flexibilidade horaria.
Rachar coa perniciosa práctica do diálogo social
En canto á negociación colectiva, como mecanismo central na acción sindical, no informe ínstase a facer un esforzo para informar puntualmente as traballadoras e traballadores e incorporalas ao proceso de negociación colectiva, reforzando o sindicalismo asembleario e participativo que representa a CIG. Fronte á perniciosa práctica do diálogo social que suplanta e quita protagonismo á clase traballadora, hai que recuperar o poder de decisión das persoas traballadoras sobre as súas condicións de traballo e "o inevitábel conflito de clases que se produce na negociación colectiva".
Pois a negociación colectiva é ferramenta clave para avanzar na mellora das condicións de traballo e é o ámbito no que pelexar pola recuperación de todos os dereitos laborais roubados, defender unhas retribucións dignas e a recuperación do poder adquisitivo perdido na última década, desenvolver a carreira profesional nas distintas modalidades recollinas no EBEP, establecer a xornada laboral máxima e flexíbel nas 35 horas en todas as administracións públicas, abordar o modelo de réxime xurídico das persoas empregadas públicas, a mobilidade funcional ou a formación profesional.
O relatorio remata reafirmando o compromiso da CIG coa nosa lingua e a necesidade de traballar pola normalización e para conseguir o uso completo e sen restricións do galego en todas as administracións públicas.