A CIG-Ensino homenaxea a Anxo Louzao tras 16 anos á fronte da federación
Delegadas e delegados do VII Congreso da CIG-Ensino, xunto coas delegacións internacionais convidadas e representantes de organizacións sociais e políticas galegas ovacionaron ao que durante os últimos 16 anos foi secretario nacional da federación. Canda el, as persoas que nesta xornada abandonaban a Executiva federal recibiron un agasallo en recoñecemento ao seu compromiso inquebrantábel “na defensa a ultranza do ensino público galego, da nosa lingua, da nosa clase, da nosa patria”, tal e como subliñou o recén elixido secretario nacional Xesús Bermello.
Tras salientar o seu labor á fronte da CIG-Ensino, Bermello deu a palabra a Louzao, do que reproducimos a súa intervención:
"Esta obra inmensa que é a CIG-Ensino, esta ferramenta insubstituíbel para emancipar a clase traballadora galega e liberar a nosa nación é o resultado da loita e implicación de moitas compañeiras e compañeiros que se foi sumando desde hai 43 anos coa fundación da UTEG, pasando pola conformación da CIG-Ensino, no ano 1994, até o día de hoxe. Todos e todas somos participes e debemos sentirnos protagonistas de que a CIG-Ensino se convertera no referente sindical do profesorado galego, sen que isto supuxese renunciar nin un ápice aos nosos postulados sindicais, ideolóxicos e políticos.
Conscientes de que somos unha nación colonizada, fomos fraguando este proxecto no enfrontamento permanente co españolismo para exercermos o dereito á autoorganización. Afianzamos o noso modelo sindical na loita diaria, no combate contra a explotación e a desigualdade e na procura dun país libre para un ensino de noso.
En versos de Manuel María:
O SINDICATO é o noso único lar posíbel
fogar
que nos defende contra a
explotación/capitalista
C-O-L-O-N-I-A-L
Arma que empregamos
para loitar contra os
nosos inimigos;
vencello que
nos xungue como clase e
nos fai sentir pobo
conciencia- alerta- colectiva.
Este proxecto colectivo que é a CIG-Ensino construíuse co contributo, entrega e empeño de todas e todos, sobre uns alicerces sólidos para conseguir a plena liberación como clase social e nación. Desde sempre fomos conscientes de que o sindicato era a organización do profesorado para mellorar as súas condicións de traballo e para a procura dun ensino galego, público, democrático, laico e coeducativo.
Medramos e fortalecémonos na adversidade con compañeiros e compañeiras que foron desterradas ou represaliadas por impartir aulas no noso idioma. Foi moito o compromiso e vontade acumulada. Sermos o baluarte do profesorado e espello da defensa dun ensino nacional e público é o que nos fai necesarios e útiles.
Entre todos e todas conseguimos converternos na organización maioritaria, a de maior incidencia, poder de mobilización e con máis afiliación que a suma do conxunto das outras organizacións sindicais actuantes no ensino en Galiza. E todo isto sen ningún tipo de ataduras ao poder nin dependencias orgánicas foráneas,
O noso modelo sindical nacionalista, de clase, transformador e combativo, xunto coa coherencia, a cohesión interna e a iniciativa sindical foron fulcrais para ir avanzando. Cómpre agora redobrar os esforzos para acrecentar a conciencia de que só con plena soberanía para responsabilizarnos do noso futuro conseguiremos unha educación integramente pública e en galego e unha sociedade xusta e igualitaria. Sempre acreditamos en que a liberación nacional e social son indisociábeis. Non é posíbel a emancipación social en nacións oprimidas, xa que a contradición de clase está condicionada e caracterizada pola dependencia política e económica.
Padecemos unha españolización voraz que procura arrasar con todo o que nos identifica como pobo, converténdose nun elemento eficaz para destruírnos e impedir exercermos como nación. O españolismo continúa a inocular no imaxinario colectivo a inviabilidade de sermos unha nación libre. Impón un sistema educativo que estigmatiza o propio, oculta a nosa historia e cultura e prohibe o ensino en galego coa pretensión de perpetuar a dependencia e dominación de Galiza e negar todo o noso ser colectivo.
O capitalismo, na súa fase neoliberal, amosa nas nacións dependentes e con gobernos ao seu servizo, como en Galiza, a súa faciana máis cruel e destrutiva. Son tempos de involución, de sobreexplotación e dunha españolización exacerbada. Sabemos que a transformación dunha sociedade é lenta e difícil, mais como di o verso de Novoneyra “ non, a forza do noso amor non pode ser inútil“. Por iso, para termos unha Galiza de noso é imprescindíbel ir acumulando conciencia e forza.
Vivimos en tempos difíciles, de moita confusión política e ideolóxica, de renuncia a actuar como pobo para pregarse a estratexias foráneas que nos seguen negando como nación. Mais nós acreditamos nun futuro galego e por iso formamos parte do movemento nacionalista. Como deixou dito Castelao “ nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”.
Nun momento como o actual, de asañamento contra a clase traballadora e o nacionalismo, de perda de dereitos e precariedade extrema, é mais necesario que nunca rearmarse ideoloxicamente e ter sempre presente que as nosas arelas iniciais seguen intactas e os nosos principios son irrenunciábeis. Sen poder decidir por nós mesmos será imposíbel termos un ensino galego e, por iso, é primordial incidir na concienciación para termos un profesorado implicado coa nosa cultura e a nosa lingua. En definitiva, un profesorado que se converta nun axente activo da galeguización do ensino e dunha educación ao servizo de Galiza.
Ao longo destes anos, especialmente nos últimos 16 anos, como secretario nacional, tiven a grandísima fortuna de compartir o traballo sindical con compañeiras e compañeiros comprometidos, cabais, nobres e de grande humanidade, dos bos e xenerosos. Dos que, en palabras de Bertolt Brecht loitan toda a vida e son os imprescindíbeis. Hoxe catro desas persoas Marta da Costa, Duarte Correa, Xosé Lois Ribeira, despois de moitos anos, e Paula Bergantiños deixan a executiva; outras xa se xubilaron ou se xubilan e as máis, desde os centros de traballo ou liberadas, continúan estando á fronte do sindicato e responsabilizándose do traballo diario. Para todas elas só teño palabras de agradecemento e afecto pola súa inmensa camaradería e xenerosidade.
E remato afirmando que todos e todas nós sentímos galegos e galegas en cada poro que nos habita.
A terra que amamos é a nosa patria.
Nacemos e somos clase traballadora, á que nos debemos e pola que loitamos.
Esta é a nosa razón de ser e de existir até a vitoria final.
Moitísimas grazas polo voso afecto e cariño".