Plácido Valencia Rodríguez, elixido novo secretario nacional no VII Congreso da CIG-Construción
O VII Congreso da Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG que tivo lugar este sábado en Santiago elixiu a Plácido Valencia Rodríguez como novo secretario nacional por 58 votos a favor, ningún en contra, 2 en branco e 1 nulo. Durante o proceso, que se celebrou baixo o lema “Unidade, dereitos, soberanía. O sindicalismo nacionalista, a ferramenta”, tamén se renovou a Executiva e escolléronse os representantes do Consello Confederal.
O colexio maior Fonseca de Santiago acolleu este sábado unha cita na que un total de 59 congresistas debateron e acordaron as liñas de traballo a desenvolver pola FCM durante os vindeiros catro anos, ademais de renovar os seus órganos de dirección. Ao proceso concorreu unha única lista, encabezada por Plácido Valencia Rodríguez, que resultou elixido novo secretario nacional en substitución de Xosé Xoán Melón.
Foi precisamente Melón o encargado de defender o Informe da Executiva saínte, que foi aprobado por 56 votos a favor, ningún en contra e 3 abstencións. No documento faise fincapé en que este VII Congreso chega tras un período no que as consecuencias da crise económica golpearon especialmente os sectores e subsectores que integran a federación, até o punto de que o número de traballadores/as afiliados/as á Seguridade Social pasou de 148.898 en 2007 aos 71.136 actuais. Ademais, fronte os constantes anuncios que falan de recuperación os datos amosan que no noso país unicamente se crearon 2500 empregos no sector nos últimos catro anos.
Ao mesmo tempo, saliéntase que a precariedade xa se atopa normalizada por causa das diferentes reformas laborais do PSOE e do PP, polo que os postos de traballo van acompañados de condicións laborais e salariais cada vez máis deterioradas. <<As xornadas de traballo son cada vez máis longas e en moitos casos non se respectan as xornadas de descanso ou festivas>>.
Combinar acción sindical e mobilización
A paralización da obra privada e da edificación, así como a lentitude na licitación de proxectos públicos, son as principais problemáticas que lastran o sector da construción e que afectan de xeito indirecto a moitos dos subsectores dependentes. <<Isto fai imposíbel a súa consolidación, xa que está suxeito sempre a intereses económicos, ben da patronal ou dos gobernos das distintas administracións. Por non falar de que a pouca carga de traballo vai dirixida na maioría dos casos a traballadores/as doutras partes do Estado ou mesmo do estranxeiro>>.
Fronte a isto sinálase a necesidade de afondar na metodoloxía de traballo da CIG, que pasa por combinar a acción sindical coa mobilización. <<Primeiro para resolver da mellor maneira posíbel para os traballadores/as aqueles conflitos nos que participamos, e despois para reforzar a nosa presenza nos centros de traballo, incrementando representación e afiliación>>.
Por último, anúnciase a modificación estatutaria que se lle proporá ao Congreso para a posta en funcionamente dun novo organismo, o Secretariado Nacional, <<que amplía a Executiva coa voz das comarcas co obxectivo de poñer e en común, a través dun órgano de máxima dirección, os debates e a planificación do traballo para que sexan da máxima utilidade á hora de levalos á práctica>>. Tras o preceptivo debate a proposta foi finalmente aprobada por unanimidade.
Ponencia base de Acción Sindical
O seguinte en tomar a palabra foi Plácido Valencia, que se encargou de dar lectura á ponencia base de Acción Sindical, saíu adiante con 57 votos a favor e tres abstencións. No documento márcanse as principais liñas de traballo para o futuro: <<Nos vindeiros anos temos por diante un gran esforzo para a defensa dos traballadores/as nun escenario que segundo todos os datos segue a ser moi complicado e no que temos que facer fincapé en recuperar poder adquisitivo e dereitos perdidos>>.
Con todo, incídese na necesidade de manter as reclamacións e as propostas que a federación vén expresando dende hai anos, como a redución da xornada laboral a 35 horas semanais; prohibición das horas extra; concreción das causas da contratación eventual; incremento das indemnizacións por modificación das condicións de traballo; garantir o poder adquisitivo dos salarios; maiores garantías para os delegados/as; ou impedir a contratación de ETT ou de empresas de servizos.
Outras son a participación dos delegados/as no relativo á seguridade e saúde; cláusulas de mellora na xestión da prevención de riscos e de indemnización por accidente e enfermidade profesional; ampliación das licenzas en caso de necesidade; regulación de excedencias con reserva do posto de traballo; permisos para a realización de actividades formativas; definición das actividades nas empresas para evitar situacións de mobilidade abusivas; fomento de políticas de igualdade; e incremento dos permisos de paternidade e maternidade.
Para logralo, apóstase por mellorar na organización e por afondar na participación, xa que <<para o noso modelo sindical a participación da afiliación na toma de decisións é fundamental tanto á hora da negociación colectiva como da elaboración das distintas campañas e das alternativas que como federación achegamos ante os distintos temas>>.
Garantir a ultractividade dos convenios
Tamén no que respecta á negociación colectiva, considérase fundamental incluír cláusulas que garantan a ultractividade dos convenios e o mantemento do poder adquisitivo. <<Debemos aproveitar a negociación colectiva para levar aos convenios as melloras que se acaden no relativo á saúde laboral, un aspecto que tradicionalmente queda marxinado en épocas de crise>>.
Ao mesmo tempo, sinálase que no contexto actual teñen especial relevancia as medidas encamiñadas a concretar a xornada laboral para contrarrestar a flexibilidade horaria ou o incremento das indemnizacións para quen decida non aceptar a modificación das condicións de traballo.
Ademais, exprésase a necesidade de afondar en aspectos que regulen subsectores como o da conservación de estradas, <<con condicións laborais totalmente diferentes ás que lle corresponderían dentro do convenio da construción e nas que impera unha total desregulación>>.
Por último, apóstase por perseverar na concreción de acordos de negociación colectiva no ámbito de Galiza, sexan convenios ou acordos marco. <<Dada a correlación de forzas existente e a resistencia da patronal a aceptar este marco, a súa concreción só será posíbel coa participación dos outros sindicatos, o que nos presenta un panorama complicado. Mais non podemos renunciar a este obxectivo. Úrxenos a elaboración dunha estratexia de cara a avanzar nesta cuestión>>.
Intervención do secretario xeral da CIG
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra no acto de clausura para saudar a nova dirección en nome da Executiva Confederal e salientar que os procesos congresuais representan “a necesaria posta a punto do noso traballo para os próximos catro anos co obxectivo de facer unha CIG máis forte e que a clase obreira galega nos dotemos de máis forzas, de máis organización e de máis capacidade de loita para avanzar na conquista dos nosos dereitos”.
Así, lembrou que a crise económica que padecemos está a ser utilizada para afondar no modelo capitalista neoliberal que representa a Unión Europea “e que fielmente representa o centralista Estado español, porque así conseguen incementar a sua taxa de ganancia, baseada na sobrexplotación da clase traballadora e nunha escalada de ataques aos direitos laborais e sociais”.
Denunciou o feito de que a riqueza vaia parar a menos mans, que cada vez están máis enriquecidas e máis concentradas en territorios lonxe de Galiza. “Impóñennos decisións políticas que rouban e saquean ás maiorías sociais e submeten a máis pobreza ao conxunto do pobo galego”.
Fixo fincapé en que o noso país sufre ademais un Goberno e un presidente “que renega de actuar en defensa dos galegos/as, e que cada día demostra que ten máis vergoña de ser galego porque está acomodado no seu papel de servil criado das políticas antisociais e antigalegas que veñen de Madrid e Bruxelas”.
Contra o sindicalismo de pacto social
Como exemplos disto citou a tramitación do Proxecto de Lei de modificación da Lei de Saúde de Galiza, “que significa un paso máis na privatización e máis desatención sanitaria da poboación”; a recente aprobación “antidemocrática e golpista” por parte do PP da Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, “que base o noso futuro en competir co mundo en termos máis baixos salarios e que consagra o espolio, a depredación e a ruína de Galiza”; a determinación de anular a Iniciativa Lexislativa Popular a favor dunha Tarifa Eléctrica Galega promovida pola CIG en 2016, e que foi unanimemente aceptada polo Parlamento; ou a posición en relación ao proceso soberanista aberto en Catalunya, “ao apostar por sumarse á defensa irracional, violenta e represora da Constitución de 1978 e de todas as medidas represoras aprobadas polo réxime español prodrido e corrupto”.
A patronal de Madrid denunciou o convenio provincial da construción pontevedresa porque establece condicións por riba do xeral
E fixo unha mención especial ás consecuencias da centralización da negociación colectiva, que tampouco recibiron resposta dende a Xunta. "Temos o exemplo do convenio provincial da Construción de Pontevedra, que foi denunciado no Xulgado pola patronal de Madrid pasando por riba da provincial porque establece mellores condicións que o convenio xeral".
Fronte a isto, chamou a aumentar os esforzos por levar adiante as propostas da CIG e a ser “atrevidos/as na na formulación das nosas alternativas, para ter máis presenza nos centros de traballo e para encabezar a mobilización social”. Tamén a combater e derrotar as reformas laborais “empresa a empresa, sector a sector, centrando a nosa capacidade reinvindicativa na recuperación dos direitos laborais e sociais roubados, na derrogación das reformas da negociación colectiva e na recuperación dos salarios”.
E a aumentar a resposta á “lacra social” que para a clase traballadora representa o modelo sindical do pacto social, así como a romper os marcos estatais na negociación colectiva e construír un Marco Galego de Relacións Laborais e avanzar no dereito a decidir, “para lograr unha mellora substancial das nosas condicións de vida e das condicións laborais e sociais e para termos plenas competencias en materia lexislativa para cambiar a un modelo de relacións laborais que faga posíbel vivir e traballar na nosa nación”.
Intervención do secretario nacional
O encargado de pechar o acto foi o novo secretario nacional da FCM, Plácido Valencia, que comezou agradecendo a confianza depositada na Executiva que encabezará durante os próximos catro anos e fixo unha mención especial ao traballo desenvolvido pola anterior, así como por todas aquelas persoas que representan á xeración que puxo en pé o proxecto da CIG e que neste Congreso lle dan o relevo a unha nova camada de dirixentes.
En canto aos retos de futuro centrou o seu discurso nos atrancos que se deberán enfrontar nos vindeiros catro anos, sobre todo no que respecta ao debilitamento da negociación colectiva, a privatización dos servizos públicos, o empobrecemento xeralizado da clase traballadora, a violencia “sen complexos” desatada polo PP en Cataluya, o recurso permanente a medidas penais para solucionar os problemas sociais e nacionais do Estado e o que definiu como “fuxida cara a adiante” dos sindicatos estatais.
Para facerlle fronte a esta situación apostou por penetrar na conciencia da clase traballadora con “mensaxes claras e á altura do país”; por perfeccionar e modernizar os métodos de loita, “sabendo que o noso sector é un sector de alta precaridade e inestabilidade e, por tanto, no que a loita sindical é aínda mais difícil”; por deseñar instrumentos de negociación colectiva útiles para os traballadores/as e que, ao mesmo tempo, representen os intereses do noso país, como os convenios galegos; por organizarnos mellor para respostar as demandas dun sector “coma o noso, absolutamente enmarañado entre contratas, subscontratas e precaridade de todo tipo”.
Tamén por gañar as próximas eleccións sindicais para conseguir que a negociación colectiva “estea nas nosas mans, non nas mans de quen permanentemente defraudan os intereses dos traballadores/as da construción pactando calquera cousa coas direccións empresariais; por redobrar esforzos en aumentar a afiliación e así afortalar o proxecto sindical; e por darlle un pulo á incorporación da muller tanto ás estruturas da federación como do sindicato.
Executiva Nacional
Tras o proceso congresual, na que foi aprobada por 59 votos a favor, 1 en branco e 1 nulo, queda formada polas seguintes persoas:
1. Plácido Valencia Rodríguez.
2. Ricardo Arias Alén.
3. Xaquín Agulla Gómez.
4. Mario Maceiras Dosil.
5. Alfonso Losada Rodríguez.
6. Eduardo Sebio Molgueiro.
7. Marcos Sánchez Branco.
8. Xulio Vicente González.
9. Xosé Xoán Melón González.
Consello Confederal
Os representantes da federación neste organismo, que recibiron 56 votos a favor e 5 en branco, serán:
1. Plácido Valencia Rodríguez.
2. Xaquín Agulla Gómez.
3. Xosé Xoán Melón González.
4. Marcos Sánchez Branco.
5. Alfonso Losada Rodríguez.