O VII Congreso da CIG-Banca elixe secretaria nacional a Sefi Romero
A federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Centros de Chamadas da CIG celebrou este sábado o seu VII Congreso baixo o lema “Todo por gañar, traballo digno, igualdade, democracia con organización, mobilización e soberanía”. No decurso da mañá as delegadas e delegados avaliaron o traballo desenvolvido nos últimos catro anos e o contexto no que se atopa o sector. Definiron ademais as liñas que guiarán a acción sindical no vindeiro período e elixiron a nova Executiva Federal e as representantes da federación no Consello Confederal. A nova secretaria nacional, Sefi Romero, saíu elixida con 92 votos a favor e 8 abstencións.
A nova Executiva federal, que foi ratificada por 92 votos a favor, 1 nulo e 8 en branco está composta por:
Sefi Romero Álvarez
Oscar Calvo Varela
Rosa Conde Seguín
Alexandre Espinosa Menor
Carmen García González
Manuel González Lorenzo
Patricia Cordo Ares
A candidatura ao Consello Confederal foi respaldada con 92 votos a favor e 8 en branco. Deste xeito representarán á CIG-Banca no organismo confederal Sefi Romero Álvarez e Iria Salvande Lorenzo.
No seu discurso de clausura, que arrincou salientando o traballo das compañeiras e compañeiros de deixaron a Executiva, nomeadamente o de o até o de agora secretario nacional, Clodomiro Montero, a recén eleita secretaria nacional, advertiu das dificultades que haberá que enfrontar nos vindeiros anos. “A ofensiva iniciada polo capital contra a clase traballadora coa escusa da crise non rematou, senón que se vai agravando cada día. Temos que redobrar os nosos esforzos, intensificando a nosa acción sindical. Tal e como dicimos no lema do noso Congreso, temos todo por gañar, con organización, mobilización e soberanía”.
Lembrou que o modelo sindical da CIG é de conflito, de loita organizada nas empresas e na rúa. “Un modelo asembleario e participativo, que pivota sobre vós, na vosa calidade de delegados e delegadas e do conxunto da afiliación, e no que as traballadoras e os traballadores deben ser protagonistas”.
Un modelo no que, subliñou, “radica a nosa principal fortaleza, a nosa capacidade para organizarnos e loitar dende abaixo, dende a base, plantando cara a todas as formas de explotación, contra a destrución de emprego, contra a precariedade, contra o empobrecemento de salarios. Todo por gañar, sen dúbida, porque temos que recuperar os dereitos que nos foron roubados e avanzar na conquista de condicións laborais máis xustas”.
Romero lembrou as mudanzas vividas nos últimos tempos, que afectaron gravemente aos sectores tradicionalmente máis relevantes da federación: banca e aforro mais que afectaron tamén aos Centros de chamadas, nos que denunciou que “aínda que se incrementou o emprego na nosa terra, as condicións laborais son máis desreguladas e precarizadas, con fortes embates da patronal”. Xunto a isto, incidiu na importancia de fortalecer a organización no sector das TIC’s.
Novo ciclo
A recén eleita secretaria nacional anunciou ademais a apertura dun novo ciclo co obxectivo de darlle un impulso a federación “sobre a enorme fortaleza do traballo xa realizado que nos permita gañar en capacidade de incidencia sobre a clase traballadora, ampliando a nosa presenza nas empresas, a través do aumento da nosa representación sindical e da nosa afiliación”.
Porén considerou que para iso é preciso continuar o traballo iniciado e reforzar a organización. Algo que considerou que só “será posible pivotando sobre as seccións sindicais, sobre os delegados e delegadas que sodes a CIG nas vosas empresas, e debedes ter un peso aínda máis determinante na dirección desta federación”.
Chamou, por iso, a fortalecer a federación tanto territorial como sectorialmente, para poder dedicar aínda máis esforzos á acción sindical. “Esa é a tarefa colectiva que temos que enfrontar. Tarefa para a que todos e todas somos necesarias. Neste proxecto sindical, plural e diverso, pero cun obxectivo compartido, non sobra ninguén”.
Retos de futuro
O VII Congreso da federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Centros de Chamadas da CIG abriu co saúdo do secretario comarcal da CIG de Compostela, Pepe Maio e contou ademais coa intervención dos representantes das delegacións convidadas: Joxean Urkiola de LAB; Antoni Alarcón e Josep Clapés Moya, da Intersindical CSC e Joaquim Batalha e Antonio Freitas, da CGTP/SinTAF (Sindicato Nacional de Atividade Financeira).
O Informe da Executiva saínte, que alerta de que a restruturación do sector financeiro aínda non rematou, foi aprobado por unanimidade. No texto, a dirección saínte fai un percorrido polos conflitos que houbo que enfrontar durante os pasados catro anos e denúnciase a precariedade que sofren as traballadoras e traballadores dos sectores que abrangue a federación.
O relatorio de Organización recibiu 96 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. Ao longo do texto avalíase o funcionamento dos organismos da federación e apóstase por mellorar a estrutura actual para darlle unha maior cohesión e favorecer o seu asentamento territorial. Valórase positivamente o medre en representación nos sectores non tradicionais da federación e establécese unha planificación e toda unha serie de medidas para mellor afrontar os procesos electorais.
En materia de Acción Sindical o documento, que foi aprobado con 95 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención faise unha minuciosa análise da situación instaurada so pretexto da crise.
Banca Pública
Nas súas conclusións tírase a necesidade de que Galiza conte con forzas políticas, sindicais e sociais propias e fortes. Considérase necesario que desde os poderes públicos galegos se promova un desenvolvemento sostíbel dos nosos sectores produtivos que faga valer as nosas potencialidades para reverter o problema demográfico, o avellentamento da poboación, os déficits sociais e o desemprego e a precariedade, nomeadamente das persoas máis novas. Un camiño para o que se entende que “é imprescindíbel contar cun sistema financeiro propio e unha banca pública que asegure a nosa soberanía financeira”.
Apóstase por frear o individualismo ou o illacionismo que debilitan a capacidade da clase obreira para facerlle fronte aos abusos da patronal e por fomentar a transparencia e a participación das traballadoras e traballadores na toma de decisións que lles afecten.
Acórdase combater a vulneración de dereitos laborais nas empresas denunciando a subcontratación, as empresas multiservizos ou o uso masivo de ETTs mais tamén buscar a alianza coas consumidoras e consumidores “informándoos dos abusos que as empresas pretenden cometer contra eles e tamén das empresas que os cometen no seu nome”.
Reconversión do sector bancario
Respecto da reconversión do sector bancario, alértase de que está desembocando nunha elevada concentración que conduce claramente a un oligopolio financeiro con dúas entidades dirixidas por grupos con sedes fóra de Galiza: Abanca e Santander, que concentran ao redor do 60% do negocio.
Por iso considérase que “agora máis que nunca segue a ser primordial un sistema financeiro propio, xa que o sistema bancario é un sector fundamental e estratéxico na nosa economía e desenvolvemento como sociedade”. Reitérase, por iso, a necesidade de contar cunha Banca Pública Galega que apoie as empresas e sectores estratéxicos do país que xestione os aforros das galegas e dos galegos co obxectivo de crear riqueza e emprego.
Considérase ao tempo necesario o establecemento dun mecanismo de control por parte das autoridades públicas galegas con capacidade de intervención e sanción nos casos de fraude a todos os niveis e de control das operacións de concentración oligopólica no sector financeiro.
Ademais sublíñase a necesidade de “seguir o noso modelo combativo e marcando a diferenza nos procesos de negociación de EREs”, buscando a implicación das persoas na loita polos seus postos de traballo, promovendo a súa participación activa nos procesos de despedimento colectivo como suxeitos principais.
A directiva MIDIF II
A normativa MIDIF (Markets in Financial Instruments Directive) é unha Directiva europea que, desde 2007, harmoniza a regulación sobre os mercados de valores, os instrumentos financeiros que s enegocian neles, a organización e relación coa clientela das entidades financeiras que prestan servizos de inversión e a protección das persoas inversoras.
Tras da súa entrada en vigor, o 3 de xaneiro de 2018, todas as traballadoras e traballadores do sector teñen a obriga de contar cunha certificación profesional para poder realizar o traballo de informar ou asesorar sobre produtos financeiros.
En xuño de 2017 a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) publicou unha Guía Técnica -da que foron excluídos os traballadores/as- na que se definen eses certificados profesionais e o seu contido.
Para a CIG-Banca esa guía non se axusta aos criterios fixados pola Directiva europea, entrando en incunprimentos legais en cuestións importantes e desvirtuando o seu obxectivo primordial que é a protección da clientela clientela. Ademais considera que “é utilizada por parte da patronal para eludir futuras responsabilidades por unha mala praxe ou venda de produtos tóxicos e trasladando a mesma aos traballadores e traballadoras”.
Asegura que as entidades deseñan produtos para poder facer fronte ás súas necesidades e que o persoal da entidade non decide a quen se lle coloca. “É a propia entidade, mediante o uso de técnicas de big data, quen predetermina e establece unha porcentaxe mínima de produtos a colocar”, explica.
Diante disto denuncia que “existe un conflito de intereses entre a finalidade dun asesoramento técnico independente que busca a normativa europea, coas obrigacións laborais do persoal que debe cumprir os obxectivos fixados.
A CIG-Banca advirte tamén do cambio substancial no modelo organizativo do sector de Banca que supón esta directiva. Por iso entende que “é fundamental a nosa participación como sindicato na aplicación desta normativa, polas implicacións laborais que conleva. É necesario continuar co traballo de denuncia feito até o momento e pular por unha correcta transposición da norma europea en beneficio de todos os traballadores e traballadoras”.
Combater a precariedade nos centros de chamadas
A CIG-Banca combateu nestes anos a precariedade nos centros de chamadas con acción nas rúas. No documento a federación proponse non descoidar outros ámbitos de loita como as accións xudiciais; coordinar en maior medida a acción sindical e intensificar a loita contra a deslocalización, a favor das melloras das condicións laborais e a conciliación afondando no modelo sindical transparente e participativo que caracteriza á central sindical, incrementando a realización de asembleas e pulando por un convenio galego.
Este último obxectivo o marca tamén para o sector das TIC, así como o de incrementar a representación e afiliación nos sectores de ámbito administrativo.
Negociación colectiva
En materia de negociación colectiva a CIG-Banca sinala, entre os seus obxectivos, reactivar a negociación dos convenios provinciais ou de ámbito galego mantendo un perfil propio e separado do sindicalismo estatal, tentando xerar dinámicas mobilizadoras onde haxa capacidade, nomeadamente nos casos de procesos traumáticas que supoñan perda de emprego ou de condicións laborais.
Muller e mocidade
A federación denuncia que as medidas de conciliación seguen a ter nome e apelido de muller. Por iso aposta por “rachar co rol de coidadoras e pular pola normalización da corresponsabilidade e o emprego das medidas de conciliación por parte dos homes” e por visibilizar os micro e macro machismos.
“A próxima revolución laboral ten que ter un compoñente feminista, de igualdade no marco da conciliación e a humanización das condicións laborais coma un todo”.
Do mesmo xeito, a CIG-Banca reitera o seu compromiso na defensa da nosa lingua e por mellorar a comunicación coas traballadoras e traballadores facilitando os argumentos necesarios “para loitar contra o discurso do sistema, fomentar a solidariedade e compartir as nosas ideas para que cheguen a toda a sociedade”.