O V Congreso da FGAMT-CIG reelixe a Dores Martínez como secretaria nacional
O V Congreso da FGAMT-CIG (que agrupa os sectores de Alimentación, Mar, Téxtil, Telecomunicacións e Transportes) reelixiu este sábado a Dores Martínez Castelo como secretaria nacional. A súa candidatura, a única que se presentou, recibiu o apoio unánime das e dos congresistas ao obter 94 votos, a totalidade das papeletas emitidas. No proceso, que se desenvolveu nun hotel de Teo baixo o lema "Sumando para avanzar", tamén se elixiu a nova Executiva Nacional e as persoas que representarán a federación no Consello Confederal da CIG.
Composición da nova Executiva Nacional
A nova Executiva Nacional da FGAMT-CIG, á que tamén se presentou unha única candidatura, obtivo 91 votos a favor e 3 brancos, e queda constituída polas seguintes persoas:
1.- Dores Martínez Castelo
2.- Xesús Mª Pastoriza Santamarina
3.- Mª do Mar Vila López
4.- Inácio Pavón Barbagelata
5.- Lucía Giráldez Pérez
6.- Federico López Castro
7.- Anxo Iglesias Covelo
Incrementar a participación e a implicación da afiliación
Tras saír proclamada secretaria nacional, Dores Martínez comezou a súa intervención agradecendo o traballo e a dedicación do compañeiro Xabier Aboi e da compañeira Rosa Abuín, quen nos próximos meses se xubilarán, e a quen lles deu un agasallo en recoñecemento a tantos anos de entrega e dedicación.
Tamén fixo extensivo ese recoñecemento a toda a afiliación e a todo o corpo de delegados e delegadas imprescindíbeis "para que exista a Organización, para que exista a FGAMT, para que exista a CIG e para dotarnos da mellor ferramenta para defender os lexítimos dereitos da clase obreira e avanzar cara á autoorganización da clase traballadora galega". Martínez Castelo puxo en valor "a valentía" da base social da central nacionalista "que defende con todas as consecuencias o noso proxecto sindical", incluso pondo en risco o seu posto de traballo e enfrontando prácticas antisindicais e represoras.
Prácticas que, recalcou, non están a conseguir o seu obxectivo "porque cada vez somos máis afialiadas/os e porque seguimos incrementando a nosa representación nas empresas". Razón pola que considerou fundamental colectivizar as reivindicacións dos diferentes sectores para que ningún conflito resulte descoñecido e ningunha loita pareza allea xa que "todas teñen o mesmo denominador común: a necesidade de defendérmonos contra calquera tipo de agresión no eido laboral veña de onde veña e veña na modalidade que veña".
Neste camiño chamou a reforzar a organización e ampliala e gañar o espazo no ámbito laboral e no social, algo para o que cómpre incrementar a afiliación e a súa participación activa na vida interna da federación "co aumento da representación sindical, coa continua e constante formación de cadros e co compromiso militante das persoas liberadas a cargo da FGAMT ou da CIG", aseverou Martínez Castelo, lanzando un chamado a avanzar na planificación e organización do traballo e a facilitar e promover a participación da afiliación e do corpo de delegados e delegadas "porque non podemos esquecer que somos unha organización sindical participativa e asemblearia"
Sumar recursos e maior implicación para avanzar en representantividade nas eleccións sindicais, onde a secretaria nacional subliñou que "queda moito por gañar" e que hai que traballar para acadar o obxectivo de "sermos unha organización claramente maioritaria" nos sectores que integran a FGAMT.
Importancia dos plans de igualdade
Dentro dos obxectivos marcados neste Congreso, destacou o de "sermos un referente do feminismo de clase" e para iso, apuntou, toda a federación ten que asumir que a elaboración dos plans de igualdade non é un mero trámite.
"Todo o noso corpo de delegados e delegadas, de liberados e liberadas, temos a obriga e a responsabilidade de utilizar os procesos de negociación dos plans de igualdade para avanzar na igualdade real entre home e mulleres traballadoras, para desenmascarar o machismo existente nos centros de traballo e para evitar que siga habendo diferenzas salariais por razón de xénero. A negociación dos plans de igualdade é o marco axeitado no que facer valer a nosa máxima de 'a igual traballo, igual salario'", salientou.
Acción no inmediato nos diferentes sectores
No traballo inmediato da federación, Martínez Castelo resaltou a necesidade de plantarlle cara á estratexia do goberno de Feijoo e de Monbus de dinamitar a desestruturar o sector de transporte de viaxeiros/as; de manter a acción sindical no transporte sanitario e enfrontar calquera intento da Xunta de regular o sector con outros medios que non sexan as ambulancias; e reforzar a loita para frear a constante perda de emprego nos sectores de telecomunicacións e da industria téxtil, sempre en continua deslocalización e impoñendo cada vez maior precariedade no emprego que queda.
No sector do mar instou a defender e potenciar a flota pesqueira e artesanal, dar a batalla pra evitar novos recortes de caladeiros a través da implantación dos parques eólicos mariños, e continuar na loita para esixir a rexeneración das rías. Tamén apuntou á pelexar por termos un marco galego de relacións laborais, á defensa do ámbito galego para os convenios dos diferentes sectores "e este ten que ser unha realidade máis cedo que tarde para o convenio colectivo da conserva de peixe, unha loita que empezamos xa no 2021 e que continuará no 2022".
Fortaleza e cohesión
A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, foi a encargada de inaugurar o Congreso e intervir en representación da Executiva Confederal. Instou a continuar fortalecendo a organización e a cohesión interna do sindicato para poder así "dar resposta a todos os brutais ataques que está a padecer a clase obreira". Méndez puxo en valor a entrega e o esforzo militante de todas as persoas que fan que a CIG sexa esa “forza para avanzar” que recollía o lema do VIII Congreso Confederal, "a suma de todas e todos, buscando un obxectivo común, transformar a realidade, defendendo os intereses da clase traballadora e do pobo galego".
Porque, advertiu, “temos moito contra o que loitar”. Contra a precariedade e a pobreza que avanzan mentres se manteñen en vigor as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva e xa se nos anuncian novos recortes; pola defensa dos servizos públicos, contra o desmantelamento e privatización que promoven as políticas neoliberais; contra a españolización e o centralismo "que nos afoga como nación, que ten a Galiza como un nicho de man de obra barata e un lugar con recursos por espoliar para que se beneficien as grandes empresas que teñen as súas sedes fóra"; ou contra o patriarcado e a violencia machista que xera.
"A loita é, en suma, contra o capital e os poderes que o serven", destacou, "e como moitas veces repetimos nas mobilizacións: coa CIG na rúa, a loita continúa. Levámolo no ADN: se hai algo que todo o mundo sabe da CIG é que loitamos, que somos o sindicato máis combativo, a única central sindical da Galiza que nunca descansa, que non se rende, que non se vende".
Sumar para avanzar na organización
Durante este V Congreso tamén se debateu o informe da Executiva saínte que resultou aprobado por unanimidade dos e das congresistas. No documento, defendido por Dores Martínez, destácase o incremento da afiliación (do 13.58%) e da representación sindical (que foi dun 2.35%) nestes últimos catro anos, "claros indicadores de que a acción sindical desenvolvida pola federación foi a acertada e dá os seus froitos e que o traballo de organización e coordinación nos diferentes sectores é a clave para avanzarmos na organización dos traballadores e das traballadoras".
Neste senso, destácase de maneira moi positiva que se conseguira implicar á base afiliativa nos distintos conflitos e procesos de negociación colectiva, favorecendo a participación directa de delegados e delegadas na toma de decisións e debatendo o deseño de cada paso na acción sindical. "Foi este o método de traballo que repercutiu no éxito das diferentes loitas e consecuentemente no medre de afiliación e de representación sindical", indícase.
No informe faise un repaso polas diferentes loitas e a acción sindical desenvolvida neste período, que sufriu un xiro radical coa irrupción da pandemia, que obrigou a dar respostas urxentes a situacións novidosas, esixindo medidas de protección fronte a Covid, facendo asesoramento e atención ante o caos que supuxo a comunicación masiva de ERTE (que remataron en moitas ocasións sendo ERE), e enfrontando as tentativas da patronal de desregular condicións aproveitando a emerxencia sanitaria ou impoñer o teletraballo sen ningún tipo de dereitos.
Por iso, o informe remata advertindo que "unha vez máis fica claro que a patronal e o capital aproveitan calquera situación de crise, sexa económica ou sanitaria sen precedentes, como a iniciada en 2020, para sacar tallada en beneficio propio a conta de precarizar e explotar aínda máis a clase tralladora, reducir salarios e dificultar a negociación colectiva. Cómpre pois avanzar na organización da clase obreira e fortalecer o noso proxecto sindical, de aí que sexa imprescindíbel sumar para avanzar".
Medra a afiliación e a representatividade
A este respecto, no Relatorio de Organización, aprobado tamén por unanimidade e defendido por Xesús Pastoriza, sublíñase o incremento afiliativo e de representatividade da FGAMT-CIG, así como a mellora no aspecto financeiro, mais chamando a non caír na complacencia, senón a seguir mellorando nos métodos de traballo.
Advírtese dos importantes e duros cambios que se están a vivir como consecuencia dos anos de crise, da pandemia de covid, da perda de empregos, dos ERTE (que se poden convertir en ERE), dos cambios na contratación pública, da extensión do teletraballo, do incremento do persoal falso autónomo e das empresas multiservicios, etc. Por iso, instánse a reforzar o funcionamento das estruturas comarcais e fomentar a implicación da afiliación na vida sindical, especialmente do corpo de delegados e delegadas. "Porque a mobilización e a participación é o noso eixo principal de funcionamento. Foi esta concepción da acción sindical o que nos permitiu conseguir os logros en sectores como ambulancias, empresas cárnicas, viaxeiros ou panaderías", valórase no documento.
En canto ao medre na representación, ponse o acento en que a melloría se deu nos mesmos sectores onde se medrou en afiliación: acompañantes de transporte escolar (no que a CIG conseguiu representación por primeira vez), panaderías ou empresas cárnicas. No sector das ambulancias, a federación consolidou a maioría absoluta cun lixeiro medre e no sector de viaxeiros da Coruña estase en condicións de conseguir esa maioría.
Achegar a negociación colectiva ás traballadoras/es
No informe de Negociacion Colectiva, que contou co aval de todas e todos os congresistas e foi defendido por Rosa Abuín, márcanse liñas estratéxicas da acción sindical para o vindeiro período de cara a enfrontar a parálise na negociación dun importante número de convenios de sector, reverter a proliferación dos convenios de empresa e a centralización da negociación colectiva froito das reformas aplicadas nos últimos anos, e formular propostas alternativas ás novas formas de precarización e explotación no ámbito laboral.
Neste camiño a FGAMT-CIG sitúa como fundamental "abrir marcos propios de negociación colectiva en Galiza achegando a negociación colectiva ás persoas afectadas, que escapen da dinámica corrupta da negociación estatal, promovendo o asemblearismo como método básico e fundamental de acción sindical para a loita obreira por unhas condicións laborais dignas e propias do século XXI".
Insístese na necesidade de que a negociación colectiva estea preto dos traballadores e traballadoras "para facela mais dinámica e participativa e para axudar a crear conciencia de clase", sendo exemplo claro do suceso desta práctica a negociación do convenio galego de ambulancias, onde a FGAMT-CIG ten a maioría absoluta.
Eixos da reivindicación na negociación colectiva
Dentro das reivindicacións a ter presentes na negociación colectiva está a demanda dun SMI equivalente ao 60% do salario medio, seguindo as recomendacións da Carta Social Europea, e que situaría o SMI en Galiza por riba dos 1.150 euros mensuais; presentar propostas para conseguir o estrito cumprimento do rexistro de xornada; organizarse contra a proliferación da utilización da figura do falso autónomo, na que a loita da CIG no sector cárnico é un referente a seguir; a regulación teletraballo; ou traballar e intervir nos convenios onde non existe unha boa implantación sindical.
Deste xeito, saliéntase que a negociación colectiva ten que estar orientada a facer posíbel que os traballadores e as traballadoras participen no proceso, calquera que sexa o marco de negociación, e por iso "temos que ser activos/as nos centros de traballo, trasladando as nosas posicións e a información puntual do estado da negociación, promovendo debates nas empresas e realizando propostas alternativas sempre co claro obxectivo de conquistar dereitos e mellorar as condicións laborais".
Persoas elixidas para o Consello Confederal
As persoas escollidas para representar a federación no Consello Confederal, para o que tamén se presentou unha única candidatura que obtivo 93 votos a favor e 1 nulos, son:
1.- Dores Martínez Castelo
2.- Xesús Mª Pastoriza Santamarina
3.- Mª do Mar Vila López
4.- Manuel Regueiro Rey
5.- Mª Xosé Vizoso González
6.- Xesús García Couso