O TXUE aclara que o rexistro de xornada é obrigatorio
O 14 de maio coñeceuse a sentenza pola que a xustiza europea establece que o rexistro de xornada é obrigatorio para as empresas, indicando que a interpretación da xustiza española (sentenzas casos Abanca e Bankia do Tribunal Supremo que denegaban a obriga empresarial de rexistrar a xornada) fixo que o Estado Español incumprise as normativas europeas.
Para a CIG-Banca tamén desta volta o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) tumba sentenzas do Tribunal Supremo de España favorables aos bancos.
A aprobación do RD Lei 8/2019, nado da iniciativa da Proposición de Lei realizada pola CIG en xuño do 2017, está xerando un gran debate mediático, provocado pola oposición empresarial ao rexistro. A sentenza do TXUE (Tribunal de Xustiza da Unión Europea) no caso Deustche Bank, supón un reforzo fronte as patronais e os medios da dereita española que se teñen lanzado en trombra contra a implantación obrigatoria do rexistro de xornada.
A CIG-Banca, que foi parte interveniente no proceso ante o TXUE, considera que a rectificación por parte da xustiza europea é moi positiva, xa que acatou pero non compartiu as sentenzas do Tribunal Supremo que exoneraban á banca do establecemento do rexistro de xornada. Foi despois das sentenzas do TS español, cando naceu a Proposición de Lei de Rexistro de Xornada remitida pola Confederación aos Grupos Políticos do Congreso.
Crítica da actuación do Ministerio de Traballo
Dende a CIG critícase a actuación do Ministerio de Traballo, que está favorecendo que novamente os Bancos continúen sen cumprir o RD Lei 8/2019, amparándose na existencia duns procesos de negociación, baleiros de contido. “Non é que os empresarios non tomasen en serio a implantación do rexistro, é que o Ministerio de Traballo estableceu as bases en reunións coa CEOE para que fose así”, respondan as declaracións da Ministra.
Con todo a central sindical mantén unha posición firme nos bancos, rematou o tempo da fraude en materia de xornada. É tempo dun rexistro de xornada fiable que remate coas horas extras non pagadas, non compensadas, máis alá do límite legal e non cotizadas á Seguridade Social.