O TTIP que vén: nin globalización nin proteccionismo, acumulación por desposesión

Adoración Guamán e Gabriel Moreno - 08 Mai 2017

O TTIP que vén terá se cadra outro nome e outras formas, pero detrás estarán os mesmos intereses de sempre ao servizo de quen, desde hai demasiado tempo xa, vampiriza o futuro das xeracións presentes e vindeiras

Entre as moitas coincidencias que poden atoparse no discurso electoral de Trump e Le Pen está o rexeitamento, polo menos no plano formal, dos Tratados de Libre Comercio de nova xeración, nomeadamente do TTIP e do CETA. Revestidos dunha retórica cualificada de “proteccionismo”, primeiro Trump na súa campaña e agora Le Pen fixeron seu un discurso antitratados que nin parece que vaia materializarse nin achega ningunha alternativa en beneficio das maiorías sociais.

 Desde logo, é innegábel que a chegada da Administración Trump marcou un punto de inflexión nas relacións comerciais entre a UE e Estados Unidos. Partindo desta afirmación, o interese radica en elucidar se a política comercial de Estados Unidos está dando unha viraxe real ou se a tan publicitada ruptura co modelo anterior é un elemento máis do discurso electoral/populista sen que exista un cambio real de modelo. O abandono do proceso de ratificación do Tratado Transpacífico, a paralización das negociacións do TTIP, a vontade de renegociar o NAFTA foron claros golpes de efecto destinados a mostrar un cambio de ruta do que aínda non sabemos cal é o seu alcance nin natureza exacta.

 O certo e verdade é que a contraposición entre “proteccionismo” e “globalización”, que tanto e tan ben explota a extrema dereita a ambas as beiras do Atlántico, non é unha traslación automática da loita entre soberanía ou democracia fronte a neoliberalismo ou libre mercado sen freos. Aínda que sexa ese o relato do que Trump ou Le Pen intentan aproveitarse, a dicotomía no fondo é falsa, posto que nela subxace unha similar estratexia de acumulación por desposesión, que se dá tanto no interior dos países que gobernan ou pretenden gobernar como nas súas relacións co resto de rexións e Estados da periferia.

 A lectura do documento sobre a estratexia comercial de Trump, que se filtrou o pasado mes de marzo, dános boa conta diso. Nel afírmase que a nova política significa un cambio “real” respecto da sostida pola Administración anterior (o que en teoría “venden”), aínda que unha análise polo miúdo das propostas revela o sostemento dunha liña que nunca se perdeu: América para os americanos, si, pero fundamentalmente para algúns e contra a maioría.

 Segundo o documento, o obxectivo actual da política comercial de Estados Unidos é a expansión do comercio de maneira que este sexa máis libre e máis aberto para os estadounidenses. Todas as accións comerciais, continúa o texto, terán como obxectivo o crecemento económico e a promoción do emprego nos Estados Unidos e a protección das empresas, traballadores, sectores e mercadorías dos Estados Unidos fronte aos do resto de países. Neste sentido, vanse primar os acordos bilaterais fronte aos rexionais e resistirase fronte aos intentos da OMC de debilitar a postura de Estados Unidos nos diversos tratados multilaterais. En realidade, nada novo baixo o sol nin diferente ao que a gran potencia veu realizando nas últimas décadas.

 En concreto, Trump fixa os seguintes obxectivos: defender e expandir agresivamente a soberanía de Estados Unidos en materia comercial; responder agresivamente ás distorsións á libre competencia, mesmo se son toleradas pola OMC; sortear as normas da OMC e impulsar tratados bilaterais que melloren a apertura das fronteiras doutros países respecto dos produtos e servizos estadounidenses; expandir o comercio a novos mercados chave e renegociar tratados xa en vigor, en concreto o NAFTA. É dicir, nada que non estivese, polo menos sinalado, na axenda anterior (Obama e Clinton xa apostaron por renegociar o NAFTA), nada que implique un cambio radical (en lugar do TPP vanse negociar tratados bilaterais con cada un dos países implicados) e nada que non estivese presente na negociación do TTIP.

 Como se lembrará, o 17 de xullo de 2013 o Consello da Unión Europea aprobou as Directrices de negociación relativas á Asociación Transatlántica sobre Comercio e Investimento, entre a Unión Europea e os Estados Unidos de América, máis coñecido como TTIP. Este documento, que non se desclasificou até o 9 de outubro de 2014, contén os obxectivos e contidos fundamentais do acordo, establecendo como finalidade primordial o aumento do comercio e o investimento entre a UE e os Estados Unidos. Para iso, o documento enmarca os contidos do Tratado en tres grandes alicerces: o acceso ao mercado, as cuestións regulamentarias e barreiras non arancelarias (cooperación reguladora) e a produción de normas comúns de obrigado cumprimento, incluíndo un mecanismo de solución de controversias investidor-Estado (ISDS). Este amplo contido xustificou que o TTIP, do mesmo xeito que o CETA, sexa bautizado como un “Tratado de Nova Xeración”, xa que o seu obxectivo principal non é o de eliminar aranceis, senón o de servir de marco xurídico para que o capital transnacional protexa os seus intereses fronte á discrecionalidade, soberana, dos Estados. E aínda que tras o cambio na Administración estadounidense as negociacións se paralizaron, non se deron por concluídas; ao contrario, semella que ambas as potencias están apostando por retomalas.

 Sen dúbida, unha nova apertura destas virá marcada por unha salientábel posición de forza dos Estados Unidos que manterá as liñas vermellas que xa estancaron as negociacións no outono pasado. Cuestións como a apertura dos mercados da contratación pública coa derrogación ou modificación da Buy American Act ou o recoñecemento das Denominacións de Orixe xa se produciron como concesións imposíbeis por parte da Administración Obama e nestes momentos bosquéxanse como liñas infranqueábeis, con máis agresividade aínda. Así as cousas, e co as na manga que supoñería dar prioridade a un tratado de nova xeración co Reino Unido antes de negociar coa UE, o Goberno de Trump pode coller o mando das negociacións cunha Unión Europea á que a negociación destes tratados está provocando fendas cada vez máis amplas.

 Nesta conxuntura, o obxectivo actual da política comercial de Estados Unidos é a expansión do comercio de maneira que este sexa máis libre e máis aberto para os estadounidenses. Sexa como for, a Administración Trump verase diante cunha UE aínda máis desunida e débil, coas contradicións inherentes ao seu propio proceso de integración abertas en canle. A primacía do económico e do mercado na configuración mesma da UE, sen a necesaria dimensión social que os atenúe, unida aos últimos ataques neoliberais desde as súas institucións aos dereitos e ao benestar das maiorías sociais do continente, xeraron un sentimento de rexeitamento cara ao proxecto que foi, polo momento, canalizado con maior intensidade pola dereita. A ausencia de mecanismos redistributivos a nivel continental e a consagración xurídica, ao mesmo tempo, da estabilidade orzamentaria como indiscutíbel camisa de forza para as posibilidades de intervención económica dos Estados provocaron que as liberdades económicas fundamentais (de movemento, de capitais, de servizos e bens…) sigan operando sen diques que as freen, aumentando a desigualdade e a acumulación da riqueza a través, e por riba, dos países.

 O descontento, polo tanto, farase aínda maior se non somos capaces de dar unha viraxe rotunda á arquitectura mesma da Unión Europea, e a extrema dereita seguirá a medrar se o seu relato, falso, segue tendo un enganche real en Bruxelas ao que se agarrar. Eles, Le Pen e Trump, eríxense nos salvadores da comunidade, da Nación e da seguridade, laboral e social, fronte á globalización institucionalizada e ao mundo das frías cifras do establishment de Washington ou das institucións de Bruxelas. Pero eles tamén, á vez, non deixan de defender no fondo as mesmas formulacións que subxacen ás consecuencias que critican e das que se aproveitan no descontento xeneralizado. Trump seguirá co libre comercio sen atrancos, potenciaraao mesmo, e a acumulación duns poucos e a desigualdade para os moitos aumentará. Farao, iso si, desde un vigorizado discurso nacionalista e neoproteccionista, mentres as súas millonarias contas non pararán de crecer e as súas empresas, como metáfora da súa mesma ideoloxía, non cesarán de saltar dun país a outro protexidas polos tratados de nova xeración auspiciados por EEUU.

 Le Pen, de gañar, non acabará coa base socioeconómica que alimenta a desigualdade, a inxustiza social e o descontento, como tampouco o fará Macron, por moito que agora ambos decidan que criticar o CETA está à la mode. O Brexit, pola súa banda, non supoñerá un renovado impulso para a democracia no Reino Unido, que, da man de May e os tories, xa está comezando a abrazar de novo a posibilidade de aumentar os neoliberais lazos con Estados Unidos e de converter Londres nun paraíso para estes novos tratados que amparan, lembremos, a impunidade total dun capital transnacional dono e señor dos mecanismos tradicionais de poder.

 Fronte á atomización social, o individualismo extremo, o empobrecemento de amplas camadas da poboación e o aumento da desigualdade, o capitalismo neoliberal, precisamente a causa de todos estes factores, parece atopar unha vía de escape para seguir conservando a acumulación que alenta: o nacionalismo dos falsos proteccionismos que no fondo non só non cambian, senón que afondan, a acumulación por desposesión que estamos sufrindo. O TTIP que vén terá se cadra outro nome e outras formas, pero detrás estarán os mesmos intereses de sempre ao servizo de quen, desde hai demasiado tempo xa, vampiriza o futuro das xeracións presentes e vindeiras.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 6 de maio de 2017]