O TSXG volve dar a razón aos/as traballadores/as e desestima o recurso de Ferroatlántica contra a resolución da Xunta
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar sentenza desestimando o recurso de alzada que Ferroatlántica interpuxo en decembro de 2017 contra o acordo de Augas de Galiza denegando a segregación das actividade de ferroaliaxes e da produción de enerxía. Esta resolución desbarata os argumentos da empresa para xustificar a desvinculación, mais o comité xa adianta que seguirá pelexando "porque a dirección quere separar as fábricas das centrais pola vía dos feitos consumados".
Unha condición esencial
A representación do persoal valora moi positivamente a resolución do TSXG, entendendo que, "tal e como está recollido nas cláusulas das concesións, non había lugar para unha decisión en sentido contrario". E así se analiza polo miúdo no punto décimo da sentenza, na que explicitamente se afirma que a prohibición de desvincular actividades constitúe unha condición esencial das concesións, introducida para garantir o interese público, neste caso o mantemento do emprego nas plantas de ferroaliaxes. Non estando por enriba da salvagarda do interese xeral nin a liberdade de empresa nin o libre mercado, tal e como argumentou Ferroatlántica.
O comité salienta que esta sentenza dálle a razón os traballadores e as traballadoras e deixa en evidencia a fraude das actuacións de Ferroatlántica, "que no seu momento pretendeu vender os dereitos de explotación dos aproveitamentos hidráulicos do río Xallas e Grande como se foran da súa propiedade; e cando non o conseguiu orquestrou unha operación fraudulenta para traspasar a TPG-Ithaka o complexo industrial e as centrais, buscando darlle unha aparencia de legalidade". Esta non é a primeira vez que Ferroatlántica busca desvincular as actividades en vía xudicial, pois en dúas ocasións iniciou procesos que sempre concluíron a prol da non segregación.
A vinculación, a mellor garantía para o emprego
Mais, a representación do persoal apunta tamén á responsabilidade de XEAL que, coñecedora da ilegalidade da segregación, optou por seguir adiante co recurso de Ferroatlántica, demostrando que o seu único interese está no substancioso negocio da produción eléctrica. Neste senso, Alfonzo Mouzo, presidente do comité, lembra que a vinculación de actividades é a mellor garantía para o mantemento e a continuidade de todos os postos de traballo, hoxe baixo ameaza constante polo escaso interese da empresa na produción de ferroaliaxes.
Coa resolución na man, o comité agarda que a empresa abandone o seu plan de segregación encuberta, poña en marcha de inmediato as inversións necesarias para o mantemento e modernización das fábricas de Cee e Dumbría, un calendario concreto para o arranque dos fornos e presente, por fin, o plan de viabilidade para garantir a continuidade industrial e os postos de traballo, tal e como se establece nas cláusulas.