O TSXG sentenza que suspender os contratos do persoal das escolas infantís en vacacións e festivos é ilegal
A CIG vén de gañar o conflito colectivo interposto perante o Tribunal Superior de Xustiza contra Política Social polas suspensións de contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais nos que pechan as escolas infantís de cero a tres anos da Axencia Galega de Servizos Sociais. A sentenza emitida, que é firme, obriga a Xunta a retirar esa cláusula ilegal rematando así cos abusos da consellaría de Política Social ao persoal contratado interino ou temporal.
Nas Escolas Infantís da rede pública de cero a tres anos, a administración galega castigaba ao persoal interino a non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional no que pecha o centro, xa que lles aplicaban mediante unha cláusula nos seus contratos unha “suspensión”, deixándoos nun limbo durante ese período e sen ingresos.
Segundo explica a CIG-Administración Autonómica, a xeneralización desta cláusula “inxusta” nos contratos de traballo, por parte da Consellería de Política Social, xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.
Unha vez celebrado, e gañado, o conflito do Consorcio, que declaraba nula esa cláusula contractual, a Consellaría de Política Social xa retirara dos contratos a dita cláusula.
En días previos ao xuízo á Xunta de Galiza achegou ao proceso 4 certificados das delegacións provinciais ás que está adscrita a AGSS, acreditativos de que a Administración acordara non introducir a cláusula de suspensión de contratos a partires do mes de marzo do 2023 (tras a sentenza, favorable as traballadoras, sobre o mesmo asunto no Consorcio).
O día da vista oral a letrada da Xunta de Galiza pretendeu que a Sala dera por rematado o proceso xudicial sen xulgar o fondo do asunto, aducindo que, como desde marzo a Xunta fixera compromiso de non introducir máis a cláusula nos contratos do persoal substituto, o preito xa non tería obxecto.
Con isto, pretendían conseguir dous obxectivos: Non ter unha sentenza definitiva en contra e quedar libres para facer o mesmo no futuro.
Agora, o TSXG ditamina que esa cláusula é nula:
<<...A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución de traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que a AGSS adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por oporse a normas de dereito necesario...>>
A sentenza xa é firme e contra ela non cabe recurso polo que é de aplicación inmediata.