O TSXG recoñece o dereito do persoal residente a percibir igual salario base que o persoal estatutario coa mesma titulación
A CIG-Saúde vén de gañar unha sentenza pola que se recoñece o dereito do persoal residente en formación nos centros de saúde e hospitais do SERGAS a percibir o mesmo salario base que o persoal estatutario da mesma titulación. A resolución xudicial afecta ao persoal residente médico, enfermeiro, farmacéutico, biólogo, psicólogo e químico e recoñece ademais o dereito a reclamar a diferenza de contías desde o 22 de abril de 2022.
O decreto que regula o persoal residente en formación estabelece que este persoal cobrará de salario base o equivalente ao soldo base do persoal estatutario co mesmo título universitario. Non obstante, denuncia a CIG-Saúde, o SERGAS non está recoñecendo esta retribución.
No ano 2010, coa escusa da crise financeira, o Goberno español impuxo un recorte salarial a todo o persoal ao servizo das administracións públicas do 5%, afectando tamén ás e aos profesionais do SERGAS. No caso do salario base, foi recuperado en todas categorías excepto no persoal residente, que nunca recuperou este recorte.
Diante disto, a CIG-Saúde presentou o ano pasado un conflito colectivo na sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza, que agora lle dá á razón á central nacionalista, ao estimar a demanda e recoñecer que o persoal interno residente en formación do SERGAS ten dereito a percibir, en concepto de soldo, a mesma contía que percibe, en concepto de soldo base, o persoal estatutario do mesmo grupo profesional.
A CIG-Saúde anima a todo o persoal residente actual ou que estaba formándose nestes anos a que inicie a reclamación destes atrasos.