O TSXG recoñécelle a un canteiro afectado por sarcoidose a incapacidade permanente total
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza pola cal recoñece a incapacidade permanente total a Fernando Mella Touceda, quen durante a súa vida foi canteiro en talleres de pedra e marmorerías e que foi diagnosticado en 2015 con sarcoidose pulmonar en estadio II. Dende o momento no que se lle diagnosticou esta enfermidade crónica, o traballador iniciou, co asesoramento da CIG, unha longa batalla legal co INSS que rematou esta mesma semana de maneira satisfactoria.
A Federación de Construción e Madeira da CIG salienta a importancia da resolución do TSXG (que é firme e que revoga unha sentenza anterior contraria emitida polo Xulgado do Social nº 2 da Coruña), xa que abre a porta a outros traballadores e traballadoras xa diagnosticadas ou que sospeiten que poden padecer esta enfermidade a loitar polo recoñecemento legal do seu carácter incapacitador.
A incidencia desta enfermidade redúcese case exclusivamente a persoas que estiveron expostas a po neumoconiótico durante a prestación do seu traballo"
No ano 2016, tras diagnosticárselle a enfermidade, Mella Touceda solicitoulle ao INSS o recoñecemento da incapacidade permanente para o desenvolvemento do seu traballo habitual como canteiro, dadas as limitacións que lle supón esta doenza. Porén, en base a un informe do EVI, a Seguridade Social desestimou a petición entendendo que a súa é unha continxencia común. Comezou entón o traballador unha batalla legal para que se recoñecese a súa situación, primeiro cunha reclamación administrativa, á que seguiu unha demanda no xulgado do Social, que fallou a favor do INSS. Así as cousas, Fernando Mella continuou pelexando e levou o seu caso até o TSXG quen lle vén de dar a razón.
Unha enfermidade que afecta a persoal exposto a po neumoconiótico
A sarcoidose, explica Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM -CIG da Coruña, garda un certo parecido coa silicose, provocando granulomas principalmente nos pulmóns, se ben pode afectar a calquera órgano do corpo como a pel ou os ganglios linfáticos. Malia que moitas persoas afectadas non presentan ningún tipo de síntoma, os máis típicos son a tose, dificultade para respirar, perda de peso, suores nocturnos e fatiga.
Apunta Maceiras que a dificultade con esta enfermidade é que, ao contrario da asbestose ou a silicose, non está demostrado que a súa causa estea directamente relacionada co mundo do traballo e, de feito, a súa orixe aínda é descoñecida. "Porén, tal e como temos comprobado, a súa incidencia redúcese case exclusivamente a operarios e operarias que estiveron expostos a po neumoconiótico durante a prestación do seu traballo", destaca.
Por iso, dende a FCM-CIG da Coruña convidan as traballadoras e traballadores do sector a poñerse en contacto coa central sindical para avaliar se pode existir afectación e o seu grao. A Federación de Construción avalía mesmo poñer en marcha unha plataforma para facilitar o contacto con novas persoas afectadas e o seu asesoramento.