O TSXG ratifica a nulidade do despedimento do compañeiro Ramos e a condena a Ferroatlántica por vulnerar dereitos fundamentais
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar a condena a Ferroatlántica polo despedimento do compañeiro José Ramos (que foi membro do comité e actualmente forma parte da sección sindical da CIG en Cee), declarando a nulidade da decisión xa que a empresa vulnerou o dereito fundamental da liberdade de expresión na súa vertente de liberdade de expresión sindical. Ademais de ordenar a reincorporación inmediata do traballador nas mesmas condicións que tiña, a resolución do TSXG ratifica tamén a condena ao pago dunha indemnización no grao de infracción moi grave.
Cómpre lembrar que Ferroatlántica despediu a Ramos (despois de 28 anos traballando na fábrica de Cee) a finais do ano 2018, tras publicar un comentario nunha rede social, fóra do ámbito da empresa, e nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité, e xusto catro días antes da celebración do referendo polo cal saíu aprobado o convenio colectivo.
No seu momento, a CIG denunciou que esta decisión non viña motivada polo prexuízo para a empresa ou o contido do propio comentario (que o traballador eliminou poucos días despois), senón que era unha represión de Ferroatlántica contra a CIG pola loita contra a frustrada tentativa de vender os saltos de auga do ano 2017, non referendar o acordo marco estatal (do que hoxe o complexo da Costa da Morte xa está fóra por non formar parte do Grupo FerroGlobe) e non asinar o novo convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas.
De feito, ambas sentenzas destacan que era de sobra coñecido pola empresa o posicionamento contrario de Ramos a este conxunto de manobras, así como a súa vinculación coa CIG, central sindical que encabezou a mobilización e a resposta social en Ferroatlántica.
Con este novo revés xudicial, que se suma ás condenas previas por vulneración de dereitos fundamentais contra Ferroatlántica, a sección sindical da CIG agarda que a nova dirección tome boa nota e non repita as prácticas represivas tan habituais coa anterior propiedade.
Loita contra o desmantelamento das fábricas
Neste senso, a representación da CIG advirte que queda moita batalla que dar contra Ferroatlántica e anima a todos os traballadores e traballadoras a soster con forza a mobilización co obxectivo de reverter o progresivo desmantelamento das fábricas e o recorte drástico da produción imposto pola nova xerencia. Uns recortes que, denuncian, son consecuencia directa da operación de venda orquestrada entre FerroGlobe e TPG-Ithaka e que comprometen a viabilidade das fábricas e o futuro dos empregos.