O TSXG obriga a Xunta a revisar todo o proceso de concesión de subvencións do plan IOBE 2009
O TSXG vén de ordenar a execución forzosa dunha das sentenzas favorábeis á forGA (Fundación para a orientación profesional, emprego e formación en Galiza), quen interpuxo un recurso contencioso administrativo contra a Resolución da Directora Xeral de Emprego e Formación da Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza, a respecto da concesión das subvencións IOBE 2009. A decisión do TSXG ordena á Xunta a revisar todo o proceso de adxudicación das subvencións concedidas ao abeiro destes plans, á que se presentaron numerosas entidades.
A resolución impugnada pola forGA, acordaba a concesión á esta fundación dunha subvención para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego (IOBE) ao abeiro do disposto na Orde da Consellaría do 31 de decembro de 2009, mais desestimaba unha parte importante das contratacións propostas pola forGA.
Hai que subliñar que os plans IOBE van destinados ao mantemento e contratación de persoal técnico e son as propias entidades solicitantes quen propoñen á Consellaría o número de persoal necesario. A administración (en función dos baremos estabelecidos na orde) determina que contratacións prorroga e o número que concede a maiores. No caso da forGA a valoración feita pola Xunta foi totalmente arbitraria, impedindo manter nin aumentar a actividade, favorecendo a outras entidades, nun claro exemplo de actuación irregular e discriminatoria.
A pesar das reclamacións presentadas pola forGA contra as resolucións e das varias sentenzas que instaban a Xunta a volver avaliar os criterios de concesión, a administración recorreu todas as sentenzas tentando eludir a súa responsabilidade.
Agora, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anula a resolución impugnada, debendo a Administración retrotraer o procedemento de concesión das axudas ao momento da súa valoración, tal e como forGA solicitou no seu momento, e no prazo de 10 días, revisar todas as solicitudes presentadas a aquel plano IOBE.
Igualmente, obriga a Xunta a ditar no prazo de 1 mes a resolución que corresponda, baixo apercibimento de imporlle multas coercitivas no caso de non facelo, así como de deducir testemuño penal contra as persoas responsábeis de non facelo.
Esta sentenza vén sumarse ás varias sentenzas gañadas contra a Xunta de Galiza, por discriminar a forGA.