O TSXG anula a extinción de contratos en Construcciones Carrajo de Verín e obriga a pagar salarios dende xaneiro
A Sala do Social do TSXG, estimando o recurso interposto pola CIG, vén de declarar a violación do dereito á defensa dos 22 traballadores/as da empresa Construcciones Hermanos Carrajo de Verín e anula o auto da xuíz do Xulgado do Mercantil de Ourense polo que se extinguiran as relacións laborais de todo o cadro de persoal. A compañía ten que repoñer as actuacións ao momento anterior ao auto e outorgarlle aos empregados/as o trámite do que se lles privou durante o proceso xudicial do ERE: a audiencia previa ao ditado da extinción dos contratos para que poidan exercer o seu dereito á defensa.
Dende os servizos xurídicos da CIG consideran que alén dos resultados que poidan derivarse da celebración do trámite de audiencia que agora terá que outorgarlle a xuíza aos traballadores/as, prodúcese xa unha primeira e importante consecuencia derivada da nulidade do auto: todo o tempo transcorrido dende xaneiro do 2019 e até o momento no que se volva ditar o novo auto, despois do trámite de audiencia, haberá que pagarllo aos empregados/as como se estiveran traballando por seren salarios de tramitación contra a masa.
Polo tanto, dende a central valoran positivamente esta resolución xudicial e anuncian que nos próximos días poranse en contacto co administrador concursal de Construcciones Carrajo para solicitarlle que se refagan os certificados de débeda a favor do cadro de persoal e se inclúan os salarios dende xaneiro até á actualidade, “así como para tentar abrir, de novo, a negociación que non existíu no seu día e que deu lugar a esta resolución xudicial”.