O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir unha insólita sentenza na que desestima o recurso presentado pola CIG contra a resolución da Comisión de Transparencia pola falta de información sobre a Sociedade Impulsa Galicia que promoveu o proxecto Altri, pero ao tempo recoñece a fundamentación da demanda e de aí que non proceda a impor costas á central nacionalista.
De acordo ao formulado pola CIG, o propio tribunal, nunha das súas fundamentacións de dereito, literalmente di “que poden compartise con carácter xeral as conclusións do Consello de Contas”, que advertiu da carencia de fiscalización da sociedade Impulsa Galiza. Para a CIG, isto pon en evidencia que a Xunta de Galiza deseñou a sociedade para evitar o seu control público.
A resolución do TSXG evidencia o escurantismo co que actuou o Goberno galego en todo o relativo á elección e o tramitación do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A Xunta promoveu a creación dunha sociedade público-privada participada pola propia administración autonómica, Abanca, Reganosa e Sogama, pero buscou unha fórmula que lle permitía controlar dita sociedade até o límite xusto para escapar dos principios de transparencia e da fiscalización que estabelece a normativa vixente para as sociedades mercantís públicas.
Deste xeito, e tal como recolle a propia sentenza do TSXG para argumentar a inadmisión do recurso, a Xunta de Galiza non acadou a maioría dos dereitos de votos que exixe o artigo 102 LOFAXGA, aínda que a súa posición en Impulsa Galiza se atopaba “moi próxima a el”, xa que contaba co 50% do capital. É dicir, para que a entidade estivera sometida aos criterios de transparencia e bo goberno, sería suficiente que a administración galega posuíra o 50,1% do seu capital.
Falta de acceso á información relevante
Precisamente, foi a falta de resposta de Impulsa Galiza á solicitude de acceso á documentación a respecto da “iniciativa tractora” para a transformación de madeira en fibra téxtil e a escolla de Altri como “investigador e tecnólogo” o que levou a central nacionalista a presentar unha reclamación na Comisión de Transparencia de Galiza. Ante a non admisión desta por parte do órgano de control, a CIG promoveu o recurso contencioso-administrativo que o TSXG acaba de resolver.
Nesta sucesión de feitos non cómpre perder de vista que, en agosto de 2025, apenas tres meses despois da CIG trasladar a petición de acceso á información fundamental sobre un proxecto que xerou unha unánime oposición social e cun forte impacto no país, a Xunta de Galiza anunciou a disolución de Impulsa Galicia.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, todo neste proceso “é unha manobra do Goberno de Rueda para eliminar as probas dun proxecto tan terrorista ambiental e socialmente como o de Altri”.
Ademais, salienta, esta resolución dáse nun contexto de polémicos e irregulares cambios no TSXG que poñen en cuestión a imparcialidade dos tribunais para favorecer a imposición de proxectos espoliadores, e que xa foron denunciados, entre outras organizacións e plataformas, pola CIG.
De feito este procedemento sufriu un grave incidente cando no mes de abril, e xa na fase final do litixio, se cambiaron os maxistrados, entre os que estaba Luís Villares. A isto sumouse a modificación na composición das seccións; traslados de seccións de asuntos; ou mesmo a creación dunha sección especial de reforzo cuestionado por xuíces/zas e maxistrados/as.