O TSXG desestima o recurso de SADA e ratifica a relación laboral do persoal contratado a través de Servicarne
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza desestimou o recurso de suplicación presentado por SADA PA Castilla Galiza, confirmando a relación laboral que existe entre esta empresa e o persoal que lle prestaba servizos nos matadoiros de aves e coellos da provincia de Lugo, contratado a través da falsa cooperativa Servicarne.
Este é un paso no recoñecemento pleno dos dereitos laborais destes traballadores e traballadoras que durante anos sufriron unha situación de auténtica explotación como persoal falso autónomo: cotizando pola base mínima no réxime de autónomos, facendo xornadas a quendas sen hora definida de saída, cobrando en funcións dos kg/hora realizados, sen dereito a descansos ou vacacións retribuídas, sen cobrar as horas extraordinarias e tendo que abonar, ademais, unha cota mensual de socio.
Confírmase unha vez máis o que a CIG leva anos denunciando, que a utilización da cooperativa Servicarne como fórmula para contratar falsos autónomos era unha fraude e unha estafa e que se obrigaba a centos de traballadores e traballadoras a pasar por esta forma de explotación para poder traballar en condicións que supoñían unha importante rebaixa dos dereitos salariais, laborais e de cobertura doutras prestacións sociais.
A empresa teima en atentar contra os dereitos laborais
Neste senso, hai que lembrar que estes centos traballadores e traballadoras xa foran dadas de alta de oficio no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo. Mais a pesar da alta forzosa na SS (que estima en máis de 5,6 millóns de euros a débeda en cotas impagadas por parte da cárnica), a empresa intentou perpetuar a situación de precariedade, negándose a asumir a totalidade do persoal e chegando a realizar un proceso de selección a través do que pretendía modificarlle as condicións laborais para poder acceder aos seus postos.
Neste proceso tampouco faltaron os despedimentos, nin as represalias por parte do Grupo SADA contra persoas que formaron parte da candidatura da CIG, que foi a forza sindical máis votada nas eleccións celebradas en decembro de 2019 na factoría de Castro Ribeiras de Lea (o matadoiro de aves e coellos máis grande de Lugo).
En vista da traxectoria do Grupo SADA neste conflito, a CIG supón que a empresa tentará continuar coa súa loita contra o recoñecemento pleno dos dereitos do seu persoal, presentando recurso de casación no Tribunal Superior. Diante disto, a central nacionalista reclama a empresa que, dunha vez por todas, deixe de torturar a estes traballadores e traballadoras que tanto teñen sufrido, que cese nos seus infrutuosos intentos de esquivar a normativa vixente e abra o camiño para normalización das relacións laborais nos seus centros de traballo.