O TSXG dálle á razón a CIG e obriga a empresa que fai o servizo de recadación de Lugo a subir os salarios do persoal un 20%
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de ditar sentenza recoñecendo o dereito dos traballadores e das traballadoras que prestan o servizo de recadación municipal de Lugo, adxudicada a Gestión Tributaria Territorial SA (GTT), a percibir un incremento do 20% sobre o salario base do convenio de aplicación, tal e como se recollía na oferta presentada pola empresa. Cómpre subliñar que esta mellora social foi un dos elementos que lle permitiu obter a maior puntuación e polo tanto facerse co contrato municipal.
A CIG de Lugo-A Mariña valora moi positivamente esta resolución, xa que deixa en evidencia un tipo de práctica moi habitual nos procesos de adxudicación das contratas públicas, ás que as empresas concorren ofertando melloras sociais para conseguir máis puntos, pero logo pretenden escamotear estas melloras asimilándoas a beneficios sociais ou salariais que o persoal xa tiñan previamente.
Por iso, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, esixe de Gestión Tributaria Territorial SA "que non demore máis a regularización dos salarios do persoal deste servizo, posto que levan máis de un ano agardando polo incremento comprometido, e ao Concello de Lugo que vele pola execución inmediata da sentenza, tendo en conta que se trata de traballadores e traballadoras que fai un servizo fundamental na administración local e que deberían formar parte da RPT municipal".
Niño lembra que despois de resultar adxudicataria, GTT comunicou ao conxunto do persoal e informou ao Concello de Lugo de que ía proceder á absorción dos complementos retributivos que cada persoa ten adicionais ao salario base, até cubrir o 20% de incremento dese salario base. A empresa pretendía dar así por cumpridas as obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada, en virtude da cal resultou adxudicataria do servizo.
Porén, nesa oferta non figuraba referencia algunha ao criterio de absorción e que supuxo na práctica que a unha parte dos traballadores e das traballadoras non se lles aplicara ningunha mellora retributiva. Ante este manifesto incumprimento dos pregos, e a inhibición do Goberno municipal, a CIG e a delegada de persoal presentaron conflito colectivo no xulgado do Social de Lugo, que desestimou a demanda.
Esta decisión foi recorrida no TSXG que agora vén de dar á razón a parte social recoñecendo que "tales beneficios aos que se comprometía (GTT) non poden ser minorados, en base a unha decisión unilateral da empresa que vai contra do pactado e ademais en prexuízo de terceiros".