O TSXG dálle a razón á CIG e declara discriminatoria a dobre escala salarial en IKF
A CIG valora moi positivamente a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que estima o recurso do sindicato e declara a nulidade do pacto de empresa no relativo á dobre escala salarial aplicada en Imerys Kiln Furniture (IKF) na Guarda, constatando que a existencia desta dobre escala é discriminatoria e vulnera o principio de igualdade retributiva. A decisión xudicial xa é firme despois da inadmisión do recurso presentado por parte da compañía no Tribunal Supremo.
A central considera a sentenza unha “vitoria importante” para o persoal de IKF e para a clase traballadora no seu conxunto, ao deixar claro que non se pode pagar menos polo mesmo traballo. O TSXG ratifica así o argumento defendido pola CIG desde o comezo do conflito: que a empresa aplicou unha política salarial inxusta, excluíndo o persoal de nova incorporación das melloras económicas pactadas que viña gozando o resto do persoal.
Segundo recolle o escrito do TSXG, non existe causa obxectiva que xustifique as diferenzas salariais, e a práctica da empresa supón unha discriminación, vulnerando ademais o principio fundamental de “a igual traballo, igual salario”. A sentenza chega tras máis de tres anos de conflito nos que o persoal de IKF protagonizou folgas, concentracións e manifestacións multitudinarias para denunciar a dobre escala.
Dende a CIG fan fincapé en que esta dobre escala salarial constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo xa que, sendo unha empresa tradicionalmente masculinizada, na que se comezaron a incorporar mulleres, esta desigualdade afectar en maior medida a estas. “Esta realidade quedou visible no momento no que se comezou coa negociación do plan de igualdade na empresa, proceso de culminou sen acordo pola aposta da dirección en manter a dobre escala salarial e, por tanto, a discriminación, sinalan.
Novo plan de igualdade
A CIG insta agora á dirección de IKF a acatar a resolución do TSXG eliminando de forma inmediata a dobre escala salarial, a restituír os dereitos económicos do persoal afectado coa regularización das diferenzas salariais e ao aboamento dos atrasos correspondentes; así como a comezar un novo proceso de negociación do plan de igualdade con medidas efectivas e reais que incorporen a mulleres á empresa cos mesmos dereitos e salarios que os homes.
Finalmente, a central sindical reitera o seu compromiso co conxunto do persoal de IKF, lembrando que esta vitoria é froito da organización, da perseveranza e da unidade de clase. “Esta resolución supón un precedente moi relevante para o conxunto do tecido industrial galego, xa que envía unha mensaxe clara ás empresas que pretenden precarizar as condicións laborais a través de dobres escalas salariais: a discriminación non é negociable nin legal”.