O TSXG dá a razón a CIG e declara ilegal, por discriminatorio, o acordo para a carreira profesional do persoal da Xunta
A CIG-Autonómica compareceu en rolda de prensa este martes para valorar as repercusións xurídicas e sindicais da sentenza do TSXG que declara ilegal a sección segunda do Acordo de Concertación relativo á carreira profesional do persoal da Xunta de Galiza. A secretaria nacional do sector, Zeltia Burgos, puxo de manifesto o abraio pola campaña que CCOO e UGT teñen iniciado entre o persoal da Xunta de Galiza, culpabilizando a CIG de tumbar a carreira profesional "e pouco menos que das dez pragas de Exipto".
Burgos subliña que dende o momento no que se negociou este Acordo de Concertación foi obvio que artellar un sistema de carreira profesional que non fora universal, "ademais de ser etica e sindicalmente reprobable, era contrario ao principio de igualdade e vulneraba o ordenamento xurídico do Estado español e o dereito europeo".
Durante todo proceso de negociación, a CIG advertiu desta ilegalidade, pondo o exemplo de sentenzas de diversas administracións ratificadas polo Tribunal Supremo que obrigaban a que carreira profesional tivera carácter universal.
Sobre a ilegalidade do conxunto deste acordo, recordou que a CIG xa gañou a sentenza contra a Orde do sistema extraordinario de carreira, conseguindo que o persoal interino e temporal acadaran o mesmo dereito que o persoal fixo e funcionario de carreira. "Mais, a Xunta aguilloada por CCOO e UGT, no canto de estender o dereito a todo o persoal, recorreu en casación a sentenza", lamenta Burgos.
Agora, a CIG vén de gañar a demanda contra a sección 2ª do Acordo de concertación que excluía a este persoal, "resultando, da sentenza do TSXG, uns fundamentos de dereito ben clariños nos que fica patente a ilegalidade manifesta deste acordo discriminatorio pactado entre a Xunta, CCOO e UGT".
O secretario de Organización da CIG-Autonómica, Roberto Varela, apuntou que ademais das promovidas pola CIG, hai unha morea de demandas individuais interpostas por traballadores e traballadoras, algunha delas con resolución xa firme do Tribunal Supremo, que nin sequera admitiu a trámite o recurso de casación da Xunta. "Isto supón que a Xunta ten que pagar os costes de cada proceso, que nalgúns casos chegan até os 2000 euros. Non se entende que o goberno galego continúe negándose a abrir a carreira profesional a todo o persoal mentres asume estes gastos sabendo que os termos do acordo son ilegais", valorou.
A sentenza anula o acordo sindical, non a Orde de convocatoria
Ante a campaña iniciada por CCOO e UGT acusando a CIG de anular o sistema de carreira e que o persoal funcionario de carreira vai deixar de cobrala, Burgos desmentiu con rotundidade estas afirmacións, aclarando que a anulación da sección 2ª do Acordo de Concertación non aparella a anulación do grao I e II do sistema extraordinario de carreira. "As razóns son sinxelas: a sentenza anula un acordo sindical, pero non anula a Orde pola que foi convocado o grao extraordinario".
Como exemplo, referiuse ás OEP dos anos 2017 e 2019, que foron declaradas nulas polo TSXG a instancia da CIG, e isto obrigou a administración, non só a suspender ás OPE senón a incrementar e a convocar postos que non ofertara.
Neste senso, Burgos quixo deixar ben claro que, de acontecer o que vaticinan CCOO e UGT, é dicir que a Xunta de Galiza decidira extinguir o complemento de carreira profesional do persoal que xa o percibe, "este medida sería por iniciativa propia da administración, non por mandato xudicial".
E nese caso sucederían tres cousas:
1) A Xunta de Galiza podería estar a violar a garantía de indemnidade, pola cal ninguén pode ser represaliado por solicitar a tutela xudicial efectiva dos tribunais. E, de certo, esa eventual acción carrexaría consecuencias de toda índole para os responsábeis de pola en marcha.
2) A Xunta de Galiza estaría a violar o dereito á carreira, que xa forma parte do núcleo das relacións laborais e administrativas dos “beneficiarios de boa fe”: persoal laboral fixo e funcionario de carreira.
3) A Xunta de Galiza non estaría a dar cumprimento nin a esta sentenza xudicial, nin á do réxime extraordinario que ordena recoñecerlle ao persoal temporal a carreira profesional.
CCOO, UGT e a Xunta xeran confusión intencionadamente
Ante a confusión intencionadamente xerada por CCOO, UGT e a Xunta, a responsábel de Autonómica da CIG recalcou que "non se pode confundir dereito á carreira profesional, convocatoria do grao extraordinario de carreira e un acordo sindical ilegal".
Así, concreta que non hai resolución xudicial que poida derrogar o dereito á carreira (derivado do EBEP e da LEPG) "porque é un dereito de configuración legal". Mentres que a convocatoria do grao extraordinario dispón dunha sentenza propia que dita que hai que incluír o persoal interino e temporal. E pola súa banda, o acordo sindical UGT-CCOO-Xunta "foi declarado discriminatorio co persoal con vínculo temporal e, polo tanto, nulo".
A isto engade que o artigo 73 da Lei da xurisdición Contencioso Administrativa é clara cando fixa que as sentenzas que anulen un precepto ou unha disposición xeral non han afectar, por si propias, á eficacia das sentenzas individuais ou actos administrativos firmes que o aplicasen.
"Mais neste asunto, nin sequera a Orde do grao extraordinario de carreira constitúe un eventual acto de aplicación do Acordo de Concertación. Xa que a Orde do grao extraordinario é un acto de aplicación do dereito á carreira profesional (do EBEP), non do Acordo de Concertación. Este Acordo non é máis ca un pacto entre dúas partes, a través do que determinaron unha forma (discriminatoria) de pór en marcha o dereito á carreira do EBEP", matiza Burgos.
O sistema ordinario da carreira, nin negociado nin implantado
Por outra, lembra que parte do sistema ordinario de carreira "nin está negociado, nin está implantado, nin a Xunta parece ter intención de facelo". Critica que os sindicatos asinantes do acordo, "sabedores do fracaso, están a intentar acusar a CIG do que non foron capaces de sacar para adiante, xa que a Xunta nin sequera publicou o remendo que lle fixeron para incluír ao persoal funcionario interino nun sistema ordinario inexistente a día de hoxe".
Nesta liña, sorprende que CCOO e UGT, no canto de utilizar o instrumento que lles brinda a sentenza da CIG para forzar a inclusión de todo o persoal nas convocatorias de carreira, "o que están a facer é pedir que a Xunta recorra para que o persoal temporal excluído siga sen cobrar".
Zeltia Burgos rematou a súa intervención pedindo " menos manipulación por parte de quen pactou a discriminación e máis cumprimento do principio de igualdade. Se queren, é moi doado de arranxar: convocatoria maña mesmo da Mesa Xeral de Empregadas e Empregados Públicos e negociar entre todas as partes unha carreira profesional universal e sen discriminacións".