O TSXG confirma que o concello tiña que ter contemplado a subrogación dos condutores do aeroporto
Traballadores da liña do aeroporto concentrábanse esta mañá diante do concello de Santiago, coincidindo co pleno, para denunciar os reiterados incumprimentos dos compromisos adquiridos polo goberno municipal para resolver o conflito e recuperar os seus postos de traballo. A mobilización producíase un día despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza fixera pública a sentenza ao recurso presentado por Monbus contra as emitidas polos xulgados do Social, confirmando que o concello tiña que ter contemplado a subrogación dos condutores e Mobus garantirlles os seus postos de traballo.
A sentenza do TSXG súmase pois ás emitidas polos xulgados do Social, que poñen de manifesto a complicidade do concello no despedimento dos condutores que facían a liña Santiago-aeroporto-Santiago.
Os traballadores quedaron na rúa o 23 de decembro do pasado ano, cando esta liña foi asumida polo concello, pero non foron subrogados por TRALUSA, en virtude dun acordo da Xunta de Goberno que facultaba á empresa a empregar o seu propio persoal, incumprindo así as obrigas do convenio colectivo de transporte de viaxeiros e o acordo marco de subrogación asinado pola patronal, sindicatos e Xunta de Galiza.
Esta circunstancia queda confirmada, non só nas sentenzas dos diferentes xulgados do Social senón tamén na do TSXG, que consideran que ese acordo da Xunta de Goberno non se debería ter producido e que é o causante de que estes traballadores se atopen aínda hoxe fóra deste servizo.
O persoal afectado intentou, en todo momento, negociar unha solución para garantir os postos de traballo e mesmo chegaron a manter reunións cos grupos municipais e co propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen se comprometeu a mediar con Raúl López, propietario do Grupo Monbus, persoalmente e a dar conta das súas xestións a este colectivo.
Por informacións que chegaron até aos traballadores por distintas vías, xa que, segundo denuncia o representante da CIG Inácio Pavón, o alcalde incumpriu o seu compromiso de mantelos informados, souberon que Raúl López tería manifestado a súa dispoñibilidade de recolocar aos condutores en distintos servizos dada a súa grande ‘sensibilidade social’.
Porén transcorridos meses nin o concello, nin a empresa fixeron intento algún de contactar con eles “pregándose unha vez máis a institución á empresa e incumprindo o seu compromiso tanto cos traballadores, como co resto de grupos municipais”.
Por iso hoxe os traballadores saíron de novo á rúa, para advertirlle ao goberno municipal que, de non se resolver o conflito, continuarán con mobilizacións durante toda a lexislatura para denunciar as actitudes tanto do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, como do concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños.
Para os traballadores é “indecente” a “conivencia” do grupo de goberno co Grupo Monbus. Tal é así que Pavón denuncia que mesmo “se lle permite dispoñer irregularmente de terreos de propiedade municipal, tanto nas instalacións do mercado de Amio, -destinadas segundo os pregos de condicións só ao transporte urbano e que son utilizadas indiscriminadamente para todas as contratas que este grupo ten coa consellaría de Mobilidade- ou na estación de autobuses, onde ninguén dubida que a nova licitación da nova estación de servizo vai ser para o Grupo Monbus”.