O TSXG confirma a sentenza que recoñece a un pai o permiso por nacemento e coidado dun fillo falecido no parto
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de confirmar “integramente” a sentenza gañada pola CIG que recoñece a un pai o dereito ao permiso por nacemento e coidado dun fillo falecido no parto. A CIG-Ensino insta ao INSS a que non se limite a aplicar a sentenza, que é firme, senón tamén a recoñecer este dereito a todos os proxenitores diferentes da nai biolóxica que pasen polo falecemento dunha crianza.
En marzo de 2022 un xulgado do social de Ourense determinou que a Seguridade Social vulnerara o dereito dun pai, a quen lle faleceu o fillo no parto, a manter o permiso por nacemento e coidado da crianza nas mesmas condicións que a nai biolóxica. A sentenza, que era pioneira en Galiza, dáballe a razón a un traballador representado pola CIG-Ensino a quen lle morreu o seu fillo no parto e reclamaba ter o mesmo dereito que a nai a dispoñer integramente do permiso para outra persoa proxenitora recollido na lexislación.
O alto tribunal galego conclúe que o principio de corresponsabilidade, como integrante do de igualdade entre homes e mulleres, non pode entenderse só referido á atención do fillo recén nado, senón que ha de estenderse ao cumprimento corresponsábel do resto de deberes que o código civil impón a ambos membros da parella respecto a descendentes, ascendentes e demais persoas ao seu cargo e á asunción compartida de todas as cargas familiares, nun momento en que a perda dun fillo orixina unha situación de especial vulnerabilidade necesitada de idéntica protección para os dous proxenitores.
Denegación do INSS e a Tesourería Xeral da Seguridade Social
A demanda fora presentada en resposta á negativa do INSS e a Tesouraría Xeral da SS a recoñecerlle ese permiso, alegando que, unha vez que a crianza falecera, non existía razón de ser para o recoñecemento das dezaseis semanas de permiso. A sentenza, coincidía coa argumentación da demanda presentada pola CIG, incidindo na necesidade de evitar que se vulnere o principio de igualdade entre a nai e o pai, toda vez que os cambios introducidos no RD Lei 6/2019, van na liña de darlle o mesmo trato a ambos proxenitores para, por un lado, corresponsabilizarse dos coidados da crianza e, por outro, evitar que poida existir un trato discriminatorio coa muller polo feito de ter un maior dereito que a súa parella.
O xuíz expoñía que tratar dun xeito diferente á nai biolóxica (que ten dereito ao permiso por parto en caso de falecemento da filla ou fillo) que á súa parella levaría a unha conduta discriminatoria na que a empresa podería ter preferencia pola “contratación do home porque necesitará menos suspensións de contrato que a muller, que é, precisamente, o que se quere combater, partindo do feito, indiscutíbel, de que, realidades fisiolóxicas á parte, a proxenitura ha de supoñer os mesmos dereitos e obrigas para ambos proxenitores con independencia do seu sexo”.
Os efectos deste fallo, que afecta a un traballador dunha empresa privada, tamén se estenderían ao ámbito do sector público, xa que a negativa á concesión do dereito está vinculada ao non recoñecemento pola Seguridade Social da suspensión do contrato e o aboamento das bases de cotización durante a duración do permiso.