O TSXG confirma a sentenza que declara ilegais os servizos mínimos da folga dos bombeiros de Vigo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar a sentenza ditada polo tribunal do contencioso administrativo número 1 de Vigo que declaraba ilegais os servizos mínimos impostos polo Goberno local na folga indefinida que manteñen os bombeiros da cidade dende hai máis dun ano para rexeitar o decreto municipal que os obriga a facer horas extra e a traballar en días de descanso.
Segundo denuncia o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, este novo revés xudicial volve deixar ás claras que o Goberno de Abel Caballero, en lugar de procurar unha saída dialogada ao conflito laboral, insiste na vulneración de dereitos e na adopción de medidas arbitrarias. “Estaba claro que coa fixación duns servizos mínimos do 100% o único que se pretendía era sabotar unha folga legal, vulnerando un dereito fundamental”.
O único que se pretendía coa fixación duns servizos mínimos do 100% era sabotar unha folga legal
O mesmo tempo, Gonçalves lembra que o decreto municipal que obriga os bombeiros a facer horas extra e a traballar en días de descanso foi declarado ilegal, ao igual que os servizos mínimos decretados na folga indefinida convocada precisamente para rexeitar un decreto que os propios afectados cualifican como “escravista”.
“E temos plena confianza de que os xulgados volverán a darlle a razón aos bombeiros na demanda penal presentada pola CIG o pasado mes de agosto para que se depuren responsabilidades diante de tanto abuso”, sinala o máximo dirixente da CIG-Vigo.
Dende a central esixen “con absoluta firmeza” que o Goberno local de Vigo “deixe de xogar”e que coa seguridade da veciñanza e que procure unha fórmula negociada para garantir a operatividade do servizo de bombeiros sen que sexa a costa do sobreesforzo dos traballadores/as, coas conseguintes consecuencias sobre a súa saúde laboral e sobre a súa capacidade de intervención.
“Nós entendemos que Vigo non pode ter un servizo de bombeiros baseado na realización de milleiros de horas extra obrigatorias e na privación do descanso a profesionais que teñen que estar en plenas condicións físicas e mentais; precisamos un corpo de bombeiros dotado dun número suficiente de efectivos e que estea ben organizado”, afirma Gonçalvez.
Chamamento ao diálogo
Ademais, considera que este conflito non se vai resolver “nin con xordeira nin con autoritarismo, que é o único que ten posto enriba da mesa o Goberno de Caballero, e singularmente a concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, que se non quere ser parte da solución, que se aparte e polo menos que non sexa parte do problema; ou que sexa o alcalde a que a aparte,porque non podemos seguir nin unha semana máis así, porque esta situación é insostíbel”.
Neste senso, reclama a apertura dun diálogo “real e honesto que procure solucións, porque Vigo sen bombeiros non é segura; e se non o entenden polas boas, a CIG, como primeira forza sindical nesta cidade, seguiremos a apoiar con toda a nosa capacidade organizativa e de mobilización as xustas reivindicacións do colectivo de bombeiros”.