O TSXG confirma a condena o Concello de Vilasantar por vulneración de dereitos fundamentais
O Concello de Vilasantar vén de recibir un novo revés xudicial tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirma a nulidade, decretada en primeira instancia nos Xulgados do Social da Coruña, da súa decisión de despedir unha traballadora auxiliar do Servizo municipal de Axuda a Domicilio pola súa "ineptitude sobrevida", tras caer enferma. Foi o propio Concello quen recorreu o fallo.
O despedimento produciuse a consecuencia dun longo litixio entre Goberno local e a traballadora que, debido á súa enfermidade, estivo en múltiples ocasións de baixa até que finalmente o INSS lle recoñeceu en 2017 a Incapacidade Permanente Total con dereito á reserva do posto de traballo.
Ese recoñecemento sería, porén, revisado con posterioridade, mais o alcalde, Fernando Pérez (PP), en lugar de readmitir a traballadora, comezou a poñer todo tipo de escusas: primeiro mandouna de vacacións, logo de permiso retribuído, e finalmente trasladoulle a orde de permanecer no seu domicilio indefinidamente sen ningunha carga de traballo, situación que se prolongou durante varios meses.
Foi a propia traballadora quen denunciou a súa falta de ocupación efectiva na Inspección de Traballo. A consecuencia directa desta denuncia, o alcalde optou por despedila de xeito fulminante poucos días despois, explican dende a CIG-Administración.
Reincorporación no cadro de persoal municipal
O alto tribunal galego ve probado que se cometeu coa traballadora unha vulneración de dereitos fundamentais por partida dobre, pois por unha parte aprecia discriminación por motivo da súa enfermidade, equiparábel a unha discapacidade; e por outra ve relación directa entre a denuncia á Inspección e o seu despedimento, o que vulnera a garantía de indemnidade. Ambos preceptos están plenamente recollidos e protexidos pola normativa comunitaria.
Por este motivo, ademais da inmediata reincorporación ao cadro de persoal municipal e o abono dos salarios de trámite, o Concello tivo que aboar á traballadora unha indemnización de 6.251 euros por danos morais.