O TSXG confirma a anulación do concurso interno da Deputación de Ourense para cubrir 69 empregos
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar a anulación decretada o ano pasado polo Xulgado do Contencioso Administrativo do concurso da Deputación de Ourense para cubrir 69 postos de traballo no ente provincial. A CIG presentara a denuncia contra este proceso interno “á carta” en 2016 ao entender que vulneraba o principio de igualdade e non discriminación.
Agora, tras o recurso presentado pola Deputación, o TSXG volve darlle a razón á CIG e anula un concurso “á carta” que atenta contra o principio de non discriminación e viola o dereito á igualdade do resto dos traballadores/as do ente provincial, xa que se restrinxiu o acceso de aspirantes ao proceso de selección.
Dende a central entenden que tras esta nova sentenza “parece lóxico” que a institución asumise o fallo xudicial e se reunise coas centrais sindicais para pactar unhas normas de concurso que garantan o dereito á igualdade. “Porén, moito nos tememos que o principio 'de mantela e non emendala' será o que guíe os pasos da Deputación, que por certo tamén foi condenada a pagarlle os gastos do proceso á CIG”.
<<Desdichada restrición>>
Segundo a sentenza, dos 69 postos convocados finalmente (nun principio ían ser 106) 24 estaban ocupados a través de adscricións provisionais, interinidades ou comisións de servizo. En 11 destes 24 procesos presentouse unicamente un aspirante, que era a persoa que xa ocupaba o posto de xeito provisional. Nos 13 restantes non houbo aspirantes para 10 casos, polo que se mantivo provisionalmente o empregado/a que xa ocupaba a praza, e só tres foron cubertas por persoal diferente.
En canto aos 45 postos ofertados que se encontraban vacantes en 2016, unicamente en 13 concorreron aspirantes, mentres que aos 32 restantes non se presentou ninguén. <<Pouco máis cabe engadir para evidenciar a restrición introducida pola convocatoria>>, recolle a resolución xudicial.
Deste xeito, o alto tribunal galego entende que a Deputación non buscaba a cobertura das prazas ofertadas cas e cos aspirantes que demostrasen maior mérito e capacidade, senón que dificultou este obxectivo ao introducir a <<desdichada restrición>> ao proceso de selección consistente en que a persoa elixida se atopase realizando xa previamente esas funcións concretas.