O TSXG ratifica a condena a Froiz por despedir unha traballadora á que non lle quixo adaptar o posto
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar a sentenza pola que se condenou a Froiz a readmitir unha traballadora á que despediu tras unha baixa prolongada e despois de denegarlle á adaptación do posto ás limitacións físicas que sofre. Froiz recorreu o fallo e agora o alto tribunal galego volve darlle a razón á traballadora criticando ademais con dureza o proceder da empresa que optou por botala á rúa en vez cambiala de posto de traballo.
A traballadora prestaba servizos na sección de carnicería e foi diagnosticada de tendinitis de Quervain e aínda que tanto os informes da mutua como os da Seguridade Social desaconsellaban os movementos repetitivos, apuntando á necesidade de cambiarlle o posto de traballo a outra sección, a empresa fixo caso omiso.
Nin atendeu as múltiples queixas recibidas por parte da traballadora, nin as indicacións dos informes presentado,s nin tampouco a solicitude de cambio de posto feita pola traballadora en abril de 2021. De feito, pouco despois, o 14 de xullo de 2021, Froiz decidiu despedila por motivos disciplinarios alegando "unha baixada de rendemento".
Hai que subliñar que as doenzas da traballadora son incurábeis, que as leva padecendo dende 2011 e que a empresa tiña coñecemento en todo momento das súas limitacións para desenvolver todas as funcións do posto de carnicería, pero non así para realizar os traballos propios doutras seccións, como froitería, a onde a empregada solicitara que a destinaran e a onde recomendaban pasala os informes da mutua.
Non obstante, Froiz optou polo despedimento disciplinario, incumprindo así ademais o estabelecido na lei de prevención de riscos laborais. Agora a xustiza volve darlle á razón a traballadora nas dúas demandas.