O TSXG condena a Xunta por violar a liberdade sindical e non negociar a RPT de Política Social
A CIG interpuxo un recurso contencioso administrativo contra a Consellería de Facenda por aprobar a relación de postos de traballo da Consellería de Política Social sen tela negociado axeitadamente coa representación do persoal. O TSXG vén de darlle a razón á central sindical e de anular esa modificación na RPT, ademais de imporlle as costas procesais.
A CIG-Administración Autonómica explica que esta é unha práctica habitual da Administración Autonómica, con moitas das RPT e con cuestións que afectan as condicións de traballo do seu persoal e lembra que tampouco é a primeira vez que a xustiza tumba unha relación de postos de traballo.
A este respecto lembra que oTSXG anulou a RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria publicada o 17/07/2018, por vulneración do dereito á negociación colectiva, vulneración do procedemento, ausencia de avaliación orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos.
Segundo explica a responsábel nacional de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, nesta modificación da RPT da Consellería de Política Social suprimíronse 6 postos de traballo, creáronse 9 e mudaron as condicións de 95 postos, entre persoal funcionario e laboral. “Todo isto sen ter xustificado adecuadamente nin enviado documentación ás organizacións sindicais para que puidera ser analizada e poder alegar e negociar”.
Sen prazo para examinar a documentación
O TSXG considera ademais que “tan só 2 días para examinar documentación non é prazosuficiente” e tíralle das orellas á Xunta pola saturación de asuntos na mesma mesa o que dificulta a negociación efectiva de cada un deles. “Xustiño o que estamos a vivir cada día con absolutamente todas as mesas que convoca”, denuncia Burgos.
A Comisión de Personal non é unha mesa de negociación
Sobre o uso que está a facer da Comisión de Persoal para validar asuntos que non foron acordados nas mesas de negociación, a xustiza lémbralle a Xunta textualmente que o devandito órgano colexiado da Administración“é alleo aos procesos de negociación, en canto só cumpre funciones de asesoramento e coordinación de cara á negociación propiamente dita, como xa tivo ocasión de sinalar esta mesma Sala e Sección, en sentenza de 17 de xuño de 2020 (PO 336/2018). De aí que nesa reunión solo se procedera á votación da proposta co seguinte resultado: Voto en contra de CIG, CCOO, CSIF, UGT. Malia iso, o Director Xeral de Función Pública declarou aprobada a proposta cos votos en contra citados.”
O fallo anula e obriga a renegociar en condicións a RPT e impón custes procesais a Xunta
En conclusión, tras estes argumentos o tribunal contencioso-administrativo falla anular a relación de postos de traballo, publicar ese acto, renegociala cumprindo as garantías e lle impón custos procesais. “Esperemos que a administración non recorra esta sentenza en casación prolongando a súa agonía e aumentando o gasto público”, advirte Zeltia Burgos.
A CIG esixe o cese do Director Xeral de Función Pública
A responsable nacional da CIG-Autonómica valora moi positivamente o fallo “co que a xustiza aclara que a maioría dos actos negociais que executa a nosa Administración son meros actos de paripé. Porén este Director Xeral a Función Pública xa leva varias sentenzas deste tipo, de vulneración da liberdade sindical e o dereito a negociación colectiva do seu persoal, e non aprende polo que solicitamos de novo o seu cese”, conclúe.