Mercadona, condenada por vulnerar dereitos das persoas traballadoras en materia de prevención de riscos
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de condenar a Mercadona por vulneración dos dereitos das persoas traballadoras en materia de prevención de riscos laborais, tras a denuncia presentada por unha empregada do supermercado de Verín contra a empresa por non tomar as medidas precisas para garantir a saúde e a seguridade no traballo. A sentenza fixa unha indemnización para a afectada e sanciona economicamente a Mercadona por conduta empresarial grave.
Dende a Unión Local da CIG de Verín-A Limia explican que á traballadora -cunha antigüidade superior a 14 anos- recoñecéuselle unha adaptación do posto por motivos de saúde, establecendo que só podía ser destinada a caixas e reposición e, en todo caso, evitar exposición ao frío e a cambios de temperatura. Mais a empresa, obviando esta adaptación, comezou a asignarlle todo tipo de tarefas, rematando a traballadora de baixa por situación de incapacidade temporal.
“Fronte a esta mala praxe da empresa a traballadora interpón unha demanda reclamando a rescisión do contrato por incumprimento grave das obrigas empresariais en relación coa infracción en materia de prevención de riscos laborais e vulneración de dereitos fundamentais”.
Demanda que lle foi asignada ao Xulgado Social número 3 de Ourense, que o pasado 27 de novembro ditou sentenza desestimatoria “malia recoñecer que a traballadora atendía na peixería, entre outras funcións, e que estaba en contacto con zonas frías”.
A CIG decidiu entón recorrer a decisión xudicial, que agora o TSXG vén de corrixir imputándolle a Mercadona un incumprimento grave e culpabél das súas obrigas empresarias por infrinxir a normativa en materia de prevención de riscos ao non garantir a saúde e seguridade da traballadora. A sentenza tamén declara extinguida a relación laboral e condena a compañía a pagarlle á traballadora a indemnización prevista para os despedimentos improcedentes, así como a aboar unha indemnización de 2451 euros en concepto de sanción por infracción en materia de riscos laborais correspondentes a conducta empresarial grave.
O TSXG declara na súa resolución:
<<Y si realmente se ha producido agravación de las dolencias, como se deprende del informe elaborado en diciembre de 2022. No cabe duda de que no puede pretenderse por la empleadora, que la trabajadora continúe prestando servicios, en tales circunstancias, y si se acredita como es el caso, de que por parte de la empresa no se tomaron las medidas necesarias para paliar dicha situación, no cabe duda de que estamos ante un incumplimiento empresarial por parte de la empresa MERCADONA, S.A, consistente en la infracción de la normativa en materia de prevención de riesgos, que supone un incumplimiento grave y culpable de las obligaciones empresariales>>.
Dende a CIG celebran que a xustiza lle dea finalmente a razón á afectada e recoñeza a mala praxe da empresa, ao mesmo tempo que animan o persoal de Mercadona a denunciar a precariedade que padece nos postos de traballo. “Que non se deixen amedrentar polo sistema interno imposto pola compañía co único fin de converter as persoas traballadoras en números e non en seres humanos”.