
O TSXG condena a Lucus Market (Grupo Gadis) por vulnerar o dereito de liberdade sindical das delegadas da CIG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece que o Grupo GADIS (Lucus Market SLU en Lugo) vulnerou, unha vez máis, o dereito fundamental da liberdade sindical ao impedir que ás delegadas da CIG asistiran ás reunións coa empresa acompañadas d. O TSXG condena ademais a Lucus Market a pagar unha indemnización de 7.501€ en concepto de danos morais.
A representación da CIG en todo momento tentoulle comunicar a dirección, "razoando de boa fe", que calquera persoa traballadora ten dereito a acudir a unha xuntanza coa empresa acompañada dunha persoa asesora". Máis aínda, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo, cando se trata dun xuntanza de carácter oficial entre o comité e a dirección na que algúns dos temas a tratar son medidas colectivas que inflúen nas condicións de traballo de todo o cadro de persoal. Na orde do día ían asuntos como o cadro de quendas semanais, a distribución das vacacións, as compensacións polo exceso de xornada anual, temas de saúde laboral etc.
A este respecto, Paz incide en que a empresa non pode excluír sen máis a participación de asesores e asesoras nas xuntanzas, pois "estaría poñendo as delegadas/os nun plano de desigualdade diante da patronal, que si vai acudir á xuntanza con persoas que son técnicas". Considera que esta negativa empresarial "é irracional, desproporcionada e contraria a boa fe" porque as delegadas e delegados de persoal non teñen que ter coñecemento técnico do dereito laboral para seren elixidas representantes unitarias.
E así o entendeu tamén o TSXG ao admitir o recurso de suplicación da CIG, e deixar sen efecto a sentenza ditada en primeira instancia polo Xulgado do Social. A CIG agarda que o Grupo Gadis tome nota da resolución e cese na súa actitude vulneradora do dereito de liberdade sindical.