O TSXG condena a ENAIRE por vulneración de dereitos fundamentais a unha delegada da CIG
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, atendendo ao recurso presentado pola CIG, vén de corrixir outra sentenza emitida polo Xulgado do Social de Santiago que consideraba inxustificada unha sanción moi grave imposta por ENAIRE a Marta Romero, cando era delegada da central sindical. O TSXG agora deixa de considerar inxustificada esa sanción pasando a considerala directamente nula e ademais decide condenar á empresa pública a pagar á traballadora unha indemnización de 15.625 euros por vulneración de dereitos fundamentais.
En xuño de 2021, ENAIRE abriu expediente contra dúas traballadoras, delegadas da central sindical, porque segundo a empresa, 100% pública e dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, terían realizado “acoso laboral ascendente” contra as súas responsables no departamento de recursos humanos.
Unha acusación que a CIG considerou no seu momento “absurda” e que constituía un ataque de “extrema gravidade” porque podería ter rematado co despedimento destas traballadoras, cando a realidade é que se estaba producindo unha vulneración sistemática de dereitos sindicais da central sindical a través das delegadas, o que era, á súa vez unha vulneración dos dereitos de todos os traballadores e traballadoras desta empresa no centro de traballo de Santiago.
De feito, xa desde o ano 2015 se producen situacións de presión laboral contra as dúas traballadoras que tras seren analizadas no comité de Seguridade e Saúde de ENAIRE levou á solicitude de apertura dun protocolo interno de acoso laboral por parte de Marta Romero, no ano 2019.
A empresa, non atendeu a esta solicitude e non puxo en marcha o protocolo pertinente e tivo que ser a Inspección de Traballo quen a obrigara a facelo para, ao pouco tempo pechalo sen ter rematada a instrución.
Novamente foi a Inspección de Traballo quen obrigou a ENAIRE a reabrilo, concluíndo de novo a empresa que non existía tal situación de acoso. Iso provocou que aumentara a presión sobre as traballadoras tanto no ámbito laboral, como no sindical por parte da empresa.
Vulneración de dereitos lingüísticos
De feito as representantes sindicais levaban anos sendo obxecto dunha sucesión de vulneracións por falta de información e de resposta fronte cuestións que afectaban ao persoal do centro de traballo no aeroporto de Santiago. Falta de información sobre temas relacionados, no seu momento, con protocolos covid, de limpeza e desinfección, coa coordinación de actividades empresariais ou sobre condicións de teletraballo, entre outras, que a empresa xustificou porque os escritos cos que se reclamaban estas cuestións estaban en galego.
Unha vulneración de dereitos lingüísticos que obrigou á CIG a recorrer, máis unha vez, á Inspección de Traballo, que emitiu varias resolucións para que a empresa rematara cos silencios e os atrasos que supoñían unha discriminación lingüística na actividade sindical.
Neste sentido, o propio TSXG envía agora unha clara mensaxe á empresa pública ENAIRE ao emitir en galego esta sentenza algo que, como apunta o representante da CIG, Inácio Pavón, “non é, desgraciadamente, nin moito menos o habitual”.
A cuestión dos dereitos lingüísticos nesta empresa pública, no centro de traballo de Compostela, xa foi obxecto dunha campaña da Mesa pola Normalización Lingüística e de debate no Congreso dos Deputados e Deputadas a través do representante do BNG, Néstor Rego, sen que o Ministerio amosara a máis mínima sensibilidade con este asunto.
Cartos públicos para acosar a traballadoras
Pavón denuncia que durante todo este proceso ENAIRE deseñou unha estratexia empresarial para presionar ás delegadas da CIG á que destinou unha inxente cantidade de recursos económicos mesmo sacando un concurso público para a contratación dun despacho de avogados, Cautrecasas, para facer unha auditoría externa que xustificara a existencia do acoso laboral ascendente, ademais de gastos en peritaxes psiquiátricas e en todos os procedementos e demandas xudiciais que fixo.
O representante da CIG denuncia que, malia esta rotunda sentenza, ENAIRE mantén a presión e, de feito, “tras da súa incorporación por unha baixa médica, queren que a traballadora mude de centro de traballo pasando a se encargar da rexión centro ou nordeste e nin sequera a deixan escoller os seus períodos de vacacións pendentes”.
Ademais Pavón asegura que “como non acepta estas condicións leva sen ocupación efectiva desde a súa reincorporación dedicando unha mínima parte do tempo unicamente a cursos de formación e non ás súas funcións habituais”. Esta situación foi posta de novo en coñecemento da Inspección de Traballo e o sindicato valora xa convocar novas mobilizacións.
Ademais a CIG agarda que a segunda sentenza pendente de revisión por parte do TSXG vaia no mesmo sentido e faga que ENAIRE desista desta actitude, rematando, dunha vez por todas, un conflito do que é a única responsable.