O TSXG condena a Autoridade Portuaria de Vilagarcía a entregar a cesta de Nadal ao seu persoal
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de condenar a Autoridade Portuaria de Vilagarcía (APV) a entregar a cesta de Nadal ao seu persoal despois de que o organismo público optase o ano pasado deixar de facelo por primeira vez na súa historia. Dende as centrais que recorreron xudicialmente a decisión lembran que se trata dun dereito adquirido polo conxunto dos traballadores/as.
As seccións sindicais da CIG e CCOO alertaban publicamente o pasado mes de decembro que a APV pretendía eliminar “pola porta de atrás e sen comunicación nin diálogo de ningún tipo” un dereito adquirido polos traballadores/as, tamén públicos/as, “como é a cesta de Nadal”.
Ademais, criticaban que os reiterados chamamentos a negociar non tiveron resposta por parte da Presidencia do ente público. “Diante disto, os compañeiros/as decidiron maioritariamente nunha asemblea celebrada en xaneiro deste ano apoiar o conflito colectivo para defender os nosos dereitos”. Como resultado deste conflito colectivo presentado pola CIG, CCOO e o comité de empresa o 11 de abril deste ano o Xulgado do Social número 1 de Pontevedra recoñeceu o dereito do persoal da APV “a percibir e seguir percibindo no futuro no mes de decembro de cada ano o denominado aguinaldo”. Esta sentenza foi recorrida en suplicación pola APV perante o TSXG.
Finalmente, o pasado 19 de outubro a sala do Social do TSXG desestimou este recurso, dándolle a razón aos traballadores/as e confirmando a sentenza anterior e, polo tanto, “o noso dereito a percibir e seguir percibindo o aguinaldo de Nadal eliminado unilateralmente”.
Tamén para o persoal xubilado
A sentenza que se vén de coñecer tamén confirma o dereito do persoal xubilado a recibir a cesta nas mesmas condicións que os traballadores/as en activo, “cuestión da que estamos orgullosos/as, xa que foi pelexada especialmente pola CIG”. Neste senso, sosteñen que os empregados/as portuarios/as, “pese a todos os ataques recibidos nos últimos anos en forma de recortes e liberalización do sector, continuamos a ser unha comunidade unida”.
Ao mesmo tempo, dende as dúas centrais amósanse moi críticos/as co “lamentable papel realizado polos/as representantes dalgún sindicato en todo o proceso, posicionándose sempre do lado da empresa contra o criterio da gran maioría do persoal, que foi expresado na asemblea de xaneiro”.
Así, na CIG consideran que é necesaria unha reflexión por parte dos afiliados/as e votantes dese sindicato, “xa que algúns deles/as incluso nos apoiaron expresamente nesta loita contra o criterio dos seus representantes”. É por iso que lembran que afiliarse ou votar a unha ou outra central non debe de facerse por amizade, “senón tendo en conta quen nos pode defender mellor”. Por último, felicitan a todo o cadro de persoal da APV “porque o gañado é para todos/as, incluso para os que estiveron en contra”, e amosan o seu agradecemento aos que “dende o primeiro momento creron en nós”.