O TSXG avala os servizos “máximos” da Consellaría nun auto cun nesgo profundamente político
Nin a vulneración do dereito fundamental á folga, claramente executado cuns servizos mínimos do 100% para case todo o persoal non docente, nin a obriga de ter, por primeira vez, a obriga de abrir todas as aulas cun docente á fronte, nin o abuso que supón que a Consellaría xogase cos prazos para publicar no DOG os servizos “máximos” xusto na véspera da primeira xornada de folga, sendo negociados con menos de corenta e oito horas de antelación, lle pareceron ao TSXG motivos abondo para anular cautelarmente a orde que impide á maioría das persoas convocadas á folga exercer o seu dereito.
Todo o contrario. Nun auto “inzado de valoracións e opinións de carácter político, mais propias dun gabinete de comunicación da Xunta ou do Partido Popular que dun alto tribunal, chega a atreverse a ironizar sobre as intención do comité de folga ao dicir que “No quiere pensar este Tribunal que las centrales sindicales que se agrupan en el Comité de Folga recurrente carecen de la especial sensibilidad de la que, con buen criterio y especialmente en estos últimos días, hace gala la inmensa mayoría de la sociedad española”.
Outro dos “fundamentos de dereito” usados polo Tribunal se centra, sorprendentemente, nunha valoración sobre os efectos que a folga puidese ter en aspectos que nada teñen que ver coa función educativa e o traballo que como docentes desempeñamos para apoiar ferventemente a decisión da Xunta de boicotear o exercicio da folga. Así atrévese a afirmar que “…la necesidad de recuperar, en la medida de lo posible, la vida cotidiana y permitir a los progenitores de aquellos [o alumnado] conciliar su vida laboral y familiar, contribuyendo, de ese modo todos, a regenerar la dañada economía nacional que, con medidas de huelga como la prevista, sin los servicios mínimos establecidos, solo podrá resultar mas perjudicada”.
Desde a CIG-Ensino amosamos o noso total rexeitamento a un auto claramente político e que pon contra as cordas a liberdade do profesorado e do resto do persoal dos centros educativos para exercermos o noso dereito a rebelarnos contra a irresponsabilidade dunha Xunta que, como fan agora os maxistrados do TSXG, entenden que a educación e o dereito á seguridade e á saúde das persoas que traballamos ou se escolarizan nos centros pasa a un segundo plano diante doutros intereses.