O TSXG anula o decreto de servizos mínimos que a Xunta de Galiza fixou para a folga de Mulleres do 8M
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de anular o Decreto de servizos mínimos ditados pola Xunta de Galiza para a xornada de folga de Mulleres convocada o pasado 8 de Marzo. En concreto anula os mínimos referidos á consellaría de Presidencia, CRTVG, Centro de Emerxencias 112 e Parque Nacional das Illas Atlánticas. A CIG, no seu momento, presentou recurso por considerar que se trataba duns “servizos máximos, abusivos e exaxerados” que vulneraban o exercicio do dereito fundamental á folga.
A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, lembra que cando se presentou a convocatoria de folga fíxose un chamamento a unha folga de mulleres, polo que non tiña sentido fixar uns servizos mínimos abusivos, máis cando os traballadores non estaban chamados a secundala.
De feito, a central sindical considerou “inaceptábeis” os mínimos impostos na CRTVG, onde “pretenderon manter a programación habitual durante os paros, no canto de limitarse a informar sobre a incidencia da folga e as mobilizacións que se desenvolveron no decurso da xornada, como debería corresponder a un servizo público como este”.
Tamén denunciou o caso concreto dos mínimo establecidos para o servizo de emerxencias 112, onde se decretaron, nalgunha categoría como a de persoal estrutural, un número de efectivos superior ao de calquera quenda do mesmo horario nunha xornada ordinaria.
O mesmo ocorreu nalgúns servizos da administración onde tamén agora se confirma a súa nulidade –como no caso da consellaría de Presidencia- onde se fixaron uns servizos mínimos que superaban os de un domingo ou un festivo, cando “eran absolutamente innecesarios”.
Publicados o último día
A CIG considerou ademais como “impresentábel” que a Xunta de Galiza agardara ao último día para publicar o Decreto de servizos mínimos”. Criterio que comparte a sentenza na que se rexeita este comportamento da Administración, que non só o publicou o día anterior da xornada de folga, senón que ademais “agardou sete días logo de terse celebrado a audiencia cos comités de folga (28 de febreiro) e seis desde que o Decreto foi aprobado polo Consello da Xunta de Galiza (1 de febreiro).
Considera que con este proceder “restrinxiuse inxustificadamente o prazo” para presentar a impugnación e tamén que se someteu ás organizacións sindicais “a unha presión temporal á hora de articular a solicitude de medida cautelar”. Unha limitación que, segundo se recolle na sentenza, “trasladouse tamén a este tribunal, que ao ter que resolvela con tal premura impediu un exame en profundidade de todos e cada un dos servizos e ámbitos da actividade administrativa” onde se alegou vulneración do dereito á folga.
Servizos esenciais
Respecto dos mínimos establecidos nos servizos considerados como esenciais, a sentenza tamén subliña que a consideración como tal “non pode supor a supresión do dereito de folga” das traballadoras que tiveran que prestalo, “senón a necesidade de dispor de medidas precisas para o seu mantemento ou, dito doutro xeito, para asegurar a prestación dos traballos que sexan necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que satisfai ese servizos, sen quen iso exixa acadar o nivel de rendemento habitual, nin asegurar o seu funcionamento normal”.