O TSXG anula a sentenza que recoñecía o dereito dun docente ao permiso de 22 semanas por nacemento da filla
Nun exercicio de incoherencia difícil de xustificar, a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de estimar un recurso de apelación presentado pola Consellaría de Educación contra unha sentenza previa dun xulgado do contencioso de Vigo no que fallaba a favor dun docente, representado polos servizos xurídicos da CIG-Ensino, recoñecéndolle o dereito a gozar dun total de 22 semanas tras o nacemento da súa filla.
A sentenza inicial centrábase nos dereitos de conciliación e corresponsabilidade así como na garantía de igualdade de trato entre homes e mulleres á hora de estabelecer unha duración idéntica no permiso por nacemento, tanto para a nai biolóxica como para o outro proxenitor e, polo tanto, ampliaba en 6 semanas o permiso de 16 recoñecidas na Lei do emprego público de Galiza.
Esa sentenza non era a primeira neste materia. Previamente o propio TSXG, na Sala do Social, ditaba unha sentenza, tamén dirixida polos servizos xurídicos da CIG, na que recoñecía ese mesmo dereito a 22 semanas de permiso a outro empregado público, pai dunha crianza. Naquela ocasión, a Xunta presentou un recurso de casación perante o Tribunal Supremo que está aínda pendente de sentenza.
A CIG-Ensino promoverá un recurso contra a decisión do TSXG ante o Tribunal Supremo
Os servizos xurídicos do sindicato non poden dar por boa a decisión, contraditoria e inexplicábel do TSXG e presentarán un recurso de casación contra ela, polo que será o TS o que finalmente terá que pronunciarse por partida dobre (nas respectivas Salas do Social e do Contencioso). Esta situación vai provocar que outras demandas presentadas por docentes galegos para poder ampliar o seu permiso por nacemento dunha filla ou fillo queden en suspenso mentres non se resolven estes litixios, cuxa única responsabilidade é do presidente da Xunta de Galiza. Foi Feijóo primeiro e Rueda agora, como máximos dirixentes do goberno galego, quen se negaron a que se incorporase na Lei de emprego público de Galiza a equiparación dos permisos para ambas persoas proxenitoras, unha proposta presentada pola CIG, xunto coa demanda de ampliar ambos permisos.
A incoherencia do TSXG é dobre: por ditar sentenzas contraditorias e por un enfoque fóra de lugar ao respecto da corresponsabilidade para criar unha crianza
Hai algunhas afirmacións na sentenza do TSXG que, desde o punto da vista da CIG-Ensino, adoecen dunha falta de perspectiva de xénero e dunha acomodación aos cambios lexislativos introducidos nestes últimos anos a nivel estatal.
Así, o alto tribunal galego alega que hai unha diferenza obxectiva para tratar dun xeito diferente aos dous integrantes da parella que teñen unha filla ou fillo: afirma que se debe a cuestións biolóxicas por ter parido a muller e o home non. De feito procura defender o seu argumento afirmando que esa mesma diferenza de trato se daría no suposto de dúas mulleres lesbianas, ao poder gozar só a nai biolóxica do permiso de 22 semanas.
Esta argumentación cae polo seu propio peso se temos en conta que no permiso por acollemento ou adopción non hai ningunha razón “biolóxica” e a diferenza de trato se mantén igual.
A cuestión, desde unha perspectiva da defensa da corresponsabilidade no coidado e crianza das fillas e fillos é outra. A lexislación, tanto a nivel estatal como galego, foi avanzando nestes últimos anos dun xeito moi apreciábel. Quen foi pai hai dúas ou tres décadas tivo como moito cinco días de permiso polo nacemento dun fillo. Quen o foi con posterioridade veu como se ampliaba moi lentamente ese permiso e sempre cunha sólida argumentación (aínda que insuficiente na práctica): os homes teñen que asumir a súa plena responsabilidade para criar o seu fillo ou filla.
O avance máis destacado dáse no Real Decreto-lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación. É nesta norma estatal na que se equiparan os permisos de ambos proxenitores a 16 semanas (o máximo que a nivel estatal se concede aínda agora) e se regula que sexan intransferíbeis entre a parella. Na exposición de motivos pártese dos principios de conciliación laboral e familiar así como da corresponsabilidade de ambos proxenitores.
Cando esta norma entra en vigor, a Xunta xa aplicaba ás nais biolóxicas que eran empregadas públicas un permiso de 22 semanas. Foi nese momento cando a CIG instou ao goberno galego a igualar tamén a 22 semanas o permiso para o outro proxenitor, seguindo o criterio fixando na norma estatal, ao que o goberno de Feijóo primeiro e Rueda despois se opuxeron.
A CIG-Ensino lamenta tanto a incapacidade da Xunta para asumir avances na corresponsabilidade entre homes e mulleres para o coidado das crianzas como a incoherencia do tribunal galego e denuncia a perda de dereitos que implica ter que agardar pola resolución do Tribunal Supremo.