O TSXG admite a trámite o recurso contra a orde que compromete 1.550 millóns de euros para a privada
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado pola CIG-Ensino contra a orde da Consellaría de Educación pola que se compromete 1.550 millóns de euros para os centros privados. Esta orde amplía o tempo para a concesión estabelecido na LOMCE e blinda os concertos con estes centros até o curso 2022/23 destinándolles, cada ano, 258 millóns que detrae do ensino público.
A LOMCE fixa a duración dos mesmos en seis anos –até o de agora eran catro- só para a educación primaria e de catro para o resto das etapas. A Consellaría, mediante esta orde, amplía a concesión para todos os niveis a seis anos e condiciona os orzamentos para os vindeiros seis anos, ao establecer e garantir as partidas orzamentarias que o ensino privado vai recibir neste tempo.
A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denuncia que “non hai límite nin mesura para beneficiar e transferir diñeiro público ao ensino privado, aínda que o ensino público, desde o ano 2009, acumule uns recortes orzamentarios de 1.943 millóns de euros”. De feito, as partidas orzamentarias comprometidas até 2022/23 superan en 608 millóns de euros as cantidades destinadas no período de vixencia dos actuais concertos (942 millóns).
Concertadas 243 novas unidades na privada-concertada en cinco anos
A CIG-Ensino lembra ademais que nos últimos cinco cursos a Xunta concertou 243 novas unidades no ensino privado concertado, mentres no ensino público pechaba 59 escolas e suprimía 441 unidades. Os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2017 medraron só un 2.8% cando o incremento das subvencións para o ensino concertado foi dun 6%. Desde o ano 2009 a cantidade de diñeiro público destinado aos concertos acrecentouse nun 69% ao tempo que os orzamentos da Consellaría de Educación só o fixeron nun 48%, un 21% menos.
A isto engade que mentres o ensino público pelexa, día a día, reclamando a dotación necesaria para cumprir cos parámetros de calidade que o alumnado merece, a Consellaría blinda os centros privados e garántelles non só un incremento anual dos concertos que veñen percibindo, senón que eses concertos estarán garantidos durante seis anos e veranse prorrogados no futuro.
Entre estes centros privados, cinco deles pertencen ao Opus Dei, que continúan segregando alumnado por sexo e contribuíndo á desigualdade de xénero. Cinco centros contra os que a CIG-Ensino gañou un recurso no seu día e que o Tribunal Supremo considerou que os seus concertos eran ilegais. No entanto, o PP xa tiña a variña máxica da LOMCE para cambiar a situación.