O TS rexeita o recurso da Xunta: non se pode exixir a funcionarización para cobrar a carreira profesional
A sección de admisión da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo vén de acordar “a inadmisión a trámite do recurso de casación” da Xunta de Galiza contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que lle daba a razón á CIG e que agora é firme. “Non se pode exixir a funcionarización para cobrar a carreira profesional”, subliña a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos.
Burgos explica que o acordo asinado pola Xunta, CCOO e UGT “pretendía chantaxear ao persoal laboral fixo para que se funcionarizara xa que, de non facelo, non cobrarían a carreira profesional”. Isto acaba de ser declarado nulo ao adquirir firmeza a sentenza do TSXG contra orde de confección de nóminaspor obrigar ao persoal laboral fixo a se funcionarizar para ter a carreira.
Tamén son nulas “todas as disposicións dos acordos anteriores que establecían esta chantaxe”, apunta a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica. “O que resta agora é executar á sentenza, polo que instamos á Xunta a que se sente a negociar coa CIG a aplicación da carreira ao persoal laboral fixo que non se quixo funcionarizar, que a estas alturas xa tería que estar cobrando o grao II, e por suposto, cobrar os atrasos dende 2019”, subliña.
Someterse ao que di a sentenza
Burgos demanda agora que “para non prexudicar máis do que xa fixeron a este persoal tanto a Xunta como os sindicatos asinantes” se sometan ao que di a sentenza, recoñezan o dereito e paguen o que lle deben ao persoal laboral fixo.
Sinala que a partir de agora “a Xunta terá que sentarse con nós para abrir un proceso de solicitude para aquelas persoas que non solicitaron a carreira porque xa tiñan claro que non se ian funcionarizar e polo tanto non aceptaron a chantaxe con efectos do 1 de xaneiro de 2019”.
Ademais terá que devolver as cantidades paralizadas do grao I da carreira profesional ao persoal laboral fixo que o tiña solicitado pero que ao final non se funcionarizou.
E sobre a nova carreira profesional que reformula a anterior para incluír ao persoal interino e temporal após as sentenzas gañadas pola CIG, "repetiu a chantaxe da funcionarización no persoal laboral fixo para cobrala". Agora, coa firmeza desta ultima sentenza "tamén queda queda claro que non pode condicionar ao persoal laboral fixo e obrigalo a comprometerse a funcionarizar".